A Xunta subliña que Galicia é pioneira na implantación de medidas para o impulso da madeira en construción

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Jacobo Aboal, participou nas Xornadas de Impulso da madeira maciza industrializada en edificación organizadas polo Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana e Mass Madera

Madrid, 26 de xuño de 2024

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Jacobo Aboal, subliñou hoxe que Galicia é pioneira na implantación de medidas para fomentar o impulso da madeira en construción na Comunidade.

Jacobo Aboal, participou hoxe nas Xornadas de impulso da madeira maciza industrializada en edificación organizadas polo Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana e Mass Madera onde remarcou o compromiso do Goberno galego ao tecido industrial ligado á madeira con axudas a este sector que este ano xa acadan os 10M€.

Neste senso, o director de Xera explicou as diferentes liñas de axudas da Xunta para fomentar a actividade do sector forestal-madeira. Achegas como as destinadas a impulsar proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais na construción; liñas para o fomento da dixitalización e a innovación nas pequenas e medianas empresas do sector; para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos; apoios destinados á valorización das pemes da primeira e segunda transformación e do segmento do contract ligadas á cadea monte-industria; ou as axudas para o fornecemento dun conxunto amplo e diverso de accións formativas orientadas a profesionais da industria forestal-madeira e a estudantes vencellados ao ámbito forestal-madeira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024