A Consellería do Mar aproveita a Fancy Food Show para reforzar a presenza dos produtos pesqueiros galegos no mercado estadounidense

Nova York (EUA), 26 de xuño de 2024

A Consellería do Mar continúa afondando na promoción dos produtos pesqueiros galegos a nivel internacional mediante a participación na nova edición da Summer Fancy Food Show de Nova York. Así, dentro do stand xenérico de España, a Xunta adecuou un espazo propio no que están presentes seis empresas coexpositoras do sector: Conservas La Brújula, Conservas Portomar, Fish Factory, Conservas e Refrixerados do Atlántico, HQ Seaweed e Calvo Distribución Alimentaria. O obxectivo é difundir a calidade e sabor dos produtos do mar e, á vez, promover a súa presenza en novos mercados mediante o contacto directo con potenciais clientes internacionais.

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, desprazouse ata a cidade estadounidense para apoiar ás empresas galegas e destacou a importancia de estar presente neste tipo de eventos para ampliar a presenza do peixe e marisco galegos no exterior. Nesta liña, puxo en valor o reforzo no investimento neste ámbito feito pola Xunta incrementando nun 30% dos fondos dedicados á internacionalización de mercados ata alcanzar os 4,6 millóns de euros. 

Esta feira é o evento máis grande de bebidas e comidas de especialidade de América do norte que serve de escaparate para unha ampla variedade de produtos innovadores e, debido ao seu carácter interactivo, ofrece grandes oportunidades para establecer contactos con expertos da industria. Alí, os visitantes poden obter novas ideas e coñecer as técnicas de cociña máis recentes a través de numerosos seminarios educativos, degustacións e demostracións de cociña.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 26/06/2024