A Xunta participa a través da Axega nun simulacro dos equipos de busca e rescate en Ferrol

O director xeral de Emerxencias e Interior, a delegada territorial do Goberno galego en Ferrol e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias asistiron ao exercicio organizado pola asociación Briegal, Casaga e os bombeiros do concello ferrolán

Ferrol, 26 de xuño de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) asistiron ao simulacro de Equipos de Busca e Rescate organizado hoxe en Ferrol pola asociación Briegal, a Asociación de Cans de Salvamento de Galicia (Casaga) e o corpo de bombeiros do concello ferrolán.

O exercicio, desenvolvido coa colaboración da Axega, do Concello de Ferrol e de diversas empresas de equipamentos do sector das emerxencias, contou tamén coa participación das ONG Acción Norte, de Vitoria, e Bombers pel Món, de Valencia, así como da Asociación Española de Perros de Salvamento e dos bombeiros de Navantia e de Narón.

A colaboración do Goberno galego na iniciativa enmárcase na importancia da realización de simulacros en todos os eidos das emerxencias, como garantía de preparación e de coordinación dos distintos profesionais que interveñen ante unha situación de risco para a poboación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024