A directora xeral de Xuventude participa en Córdoba na Asamblea Xeral da Rede Española de Albergues Xuvenís á que están asociados 12 centros galegos

Lara Meneses recorda que o carné de alberguista pon a disposición da mocidade máis de 4.000 instalacións

Nos vindeiros días as persoas que teñan activado o Carné Xove poden solicitar de maneira gratuíta este documento con validez en máis de 90 países

Córdoba, 26 de xuño de 2024

A directora Xeral de Xuventude, Lara Meneses, recordou “a grande oportunidade que supón para a mocidade galega contar cun documento que lles dea acceso a albergues por todo o mundo, podendo gozar destas instalacións en máis de 90 países”. Así o indicou en referencia á activación nos vindeiros días do carné de alberguista que poderán solicitar de maneira gratuíta aquelas persoas que conten co Carné Xove e que terán á súa disposición máis de 4.000 centros en todo o mundo.

Este carné é o instrumento de filiación á Hostelling International e á Rede Española de Albergues Xuvenís, en cuxa Asemblea Xeral celebrada en Córdoba participou esta mañá a responsable de Xuventude da Xunta. Neste senso, tal e como subliñou Lara Meneses, Galicia ten asociada 12 instalacións a esta rede formada polos organismos de xuventude de todas as comunidades autónomas para promover o alberguismo xuvenil (4 na provincia da Coruña, unha en Lugo, 5 en Ourense e 2 en Pontevedra).

Mobilidade xuvenil

Os albergues xuvenís supoñen un instrumento para facilitar a mobilidade e a convivencia da mocidade. Son instalacións fundamentais para propiciar o desenvolvemento de actividades culturais, deportivas, turísticas, formativas, de tempo libre ou simplemente recreativas, ofrecendo servizos de aloxamento e, no seu caso, manutención, fomentando estilos de vida saudables. Neles predomina a realización de actividades sociais e zonas comúns nas que se fomenta a interacción entre persoas, impulsando a comprensión, a tolerancia e novas formas de cooperación  entre a xuventude.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024