O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración explicou hoxe en rolda de prensa o labor de perfilado competencial que realiza a ferramenta EMi

A Xunta moderniza o sistema público de emprego co apoio da intelixencia artificial para avanzar na cobertura de vacantes e favorecer a empregabilidade

José González explicou que con EMi, dispoñible nas oficinas de emprego de Galicia, o Goberno galego busca cubrir as demandas das empresas en relación coas necesidades de man de obra e atender as persoas que estean buscando activamente traballo

O conselleiro incidiu tamén na importancia de flexibilizar a formación a través de píldoras formativas de máis curto prazo coas que dar os coñecementos necesarios aos traballadores para cubrir un posto de traballo

Co programa de perfilado competencial aprobado hai uns días no Consello o Executivo galego reforza o labor de EMi ao incorporarlle datos de calidade e prevé realizar o perfilado competencial a máis de 70.000 persoas no período dun ano

EMi permite coñecer as competencias dispoñibles en cada concello galego, prever o comportamento laboral comarcal e de cada ocupación e ademais facilita a programación de accións formativas adaptadas ás necesidades competenciais

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe que o Goberno galego traballa na modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia co apoio da intelixencia artificial, a través de ferramentas como EMi, co fin de cubrir as vacantes laborais existentes en Galicia -unha das principais preocupacións do tecido empresarial galego- e de favorecer a ocupación das persoas que estean buscando activamente emprego.

Así o expuxo durante a rolda de prensa na que se deu conta do funcionamento deste software, que está dispoñible nas 54 Oficinas de Emprego de Galicia e que facilita a conexión da oferta e demanda en tempo real mediante recomendacións baseadas na intelixencia artificial. Para iso esta ferramenta, pioneira en España e en Europa, ten como principal función o perfilado competencial co fin de localizar o mellor talento e as persoas que recorran a el poidan consolidar a súa traxectoria profesional.

Nesta liña, José González lembrou que a semana pasada na reunión que mantivo en Bruxelas con representantes da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Unión Europea se recoñeceu a EMi como unha ferramenta diferencial e aliñada coas políticas que se están a preparar para implantar nas diferentes rexións europeas.

Con EMi,  afondou o conselleiro, o Goberno galego busca seguir avanzando na detección de competencias para facilitar aos orientadores laborais a toma de decisións de cara a aumentar a empregabilidade das galegas e galegos e así mellorar as súas oportunidades para atopar un traballo estable e de calidade.

Ao mesmo tempo, engadiu José González, é necesario flexibilizar a formación a través de píldoras formativas de máis curto prazo coas que dar os coñecementos necesarios aos traballadores para cubrir un posto de traballo, é dicir, as competencias que están demandando as empresas. Deste xeito, trátase de atender as súas necesidades en relación coa cobertura de man de obra en distintos sectores e facilitarlles solucións adaptadas ás súas realidades.

O perfilado competencial

As persoas ás que vai destinado o perfilado competencial que realiza EMi son demandantes de emprego con máis de 30 días de desemprego e que non teñan un perfilado realizado nos últimos 2 anos. Tamén as que participan no programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, que no seu primeiro ano de funcionamento facilitou a contratación de máis de 3.700 galegas e galegos.

Estas persoas, explicou o titular de Emprego, reciben unha cita de orientación para realizar a diagnose previa da súa situación de partida que require o perfilado competencial, na que se ten en conta habilidades, competencias, formación e experiencia profesional, idade ou ámbito territorial. Desta cuestión faise seguimento a través do programa de seguimento da demanda de emprego. Neste sentido, José González advertiu da importancia de que nas listas estean aqueles que realmente están demandando activamente emprego.

Ademais, lembrou que co programa de perfilado competencial, aprobado hai uns días polo Consello da Xunta, refórzase ese labor que realiza EMi ao incorporarlle datos de calidade que permiten facer unha tradución directa de ocupacións do código nacional CNO a competencias da clasificación europea ESCO. Deste xeito, lembrou José González, a previsión é que se poidan beneficiar do perfilado competencial máis de 70.000 persoas no período dun ano. Este perfilado será realizado polos máis de 400 orientadores do Servizo Público de Emprego de Galicia, entre os que se atopan os 136 cos que a Xunta reforzou este servizo no 2023 e os que financia nas entidades locais e sen ánimo de lucro.

Vantaxes e funcionamento de EMi

Na rolda de prensa o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e polo subdirector xeral do Servizo Público de Emprego de Galicia, Santiago Boquete, que explicou o funcionamento práctico de EMi a través dunha simulación.

En relación coas vantaxes desta ferramenta, o conselleiro subliñou que relaciona todas as características e competencias da persoa demandante con datos avanzados do mercado laboral e detecta sectores emerxentes de emprego e empresas que están contratando en cada unha das ocupacións. Ademais, emite recomendacións sobre a busca de emprego baseadas en datos estatísticos e facilita ao persoal orientador realizar os itinerarios profesionais das persoas usuarias.

Este software tamén permite coñecer todas as capacidades de cada usuario e todas as competencias dispoñibles no territorio galego propoñendo as ocupacións máis demandadas polas empresas. Neste sentido, o conselleiro puxo como exemplo a ocupación de xornalista que ten sete competencias esenciais e 58 optativas, segundo a taxonomía europea, pois EMi ofrece múltiples combinacións das máis de 13.500 competencias ESCO definidas no seo da UE.

Outra posibilidade de EMi é a detección de carencias competenciais en cada localidade, o que facilita a programación de accións formativas adaptadas ás necesidades de cada unha. A maiores, engadiu que esta ferramenta ten capacidades predictivas, xa que pode prever o comportamento laboral de cada comarca e de cada ocupación referida aos 6 próximos meses, o que permite adiantarse ás necesidades das empresas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024