A Xunta lembra que ata o próximo domingo 30 de xuño está aberto o prazo para inscribirse no programa ‘Mentoring Traballo Autónomo’

En total, ofértanse 200 prazas para recibir mentorización, unha fórmula que persegue desenvolver o potencial dos traballadores autónomos participantes e xerar un mercado laboral máis forte

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024

A Xunta lembra que o próximo domingo 30 de xuño remata o prazo para inscribirse na edición deste ano do programa Mentoring Traballo Autónomo co que se busca impulsar a consolidación de empresas e negocios que xeren riqueza e emprego e vertebren o territorio. En total, ofértanse 200 prazas para recibir mentorización, unha fórmula que persegue desenvolver o potencial das persoas participantes e xerar un mercado laboral máis forte.

Desenvolvida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración coa Fundación Ronsel, a iniciativa que se leva a cabo desde 2020 persegue reducir os riscos na actividade profesional das persoas traballadoras autónomas, acompañalas na adaptación ou transformación dos seus negocios ás necesidades de mercado e á situación actual, e contribuír, mediante melloras nas áreas de xestión e outras, ao incremento dos seus contactos profesionais e da súa actividade económica, así como das condicións de traballo asociadas para acadar un maior benestar laboral.

Poderán participar, estando de alta como autónomos, os traballadores que leven como mínimo 42 meses de actividade económica e teñan o seu domicilio fiscal en Galicia. Terán prioridade aquelas persoas traballadoras autónomas que teñan persoal contratado ao seu cargo.

Cómpre engadir que a edición de 2023 da iniciativa saldouse coa participación de 214 autónomos: principalmente mulleres (70%) con estudos universitarios ou de mestrado e dun tramo de idade comprendido entre os 30 aos 49 anos.

Data de actualización: 26/06/2024