Martina Aneiros destaca o compromiso da Xunta coa cultura da prevención a través da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia

A delegada territorial interveu esta mañá na clausura das xornadas técnicas ‘Seguridade e saúde laboral na industria’ organizadas por Asime

Ferrol, 26 de xuño de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, puxo hoxe en valor o compromiso do Goberno galego coa cultura da prevención a través do desenvolvemento da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia Horizonte 2027, a folla de ruta coa que a Administración autonómica pretende garantir contornas de traballo seguras, saudables e sustentables e da que destacou a súa vocación integral e transversal, “actualizada á nova realidade económica”.

Así se referiu durante a clausura das xornadas Seguridade e saúde laboral na industria, organizadas por Asime en colaboración coa Xunta de Galicia, onde destacou a necesidade de colaboración entre Administracións, empresas e traballadores para o desenvolvemento dun entorno de traballo seguro. Durante a súa intervención, comprometeu o apoio da Xunta a iniciativas divulgativas como esta “que fomentan o intercambio de coñecementos e o desenvolvemento de estratexias efectivas para previr accidentes e enfermidades laborais”, destacou.

No encontro, que se levou a cabo no Gran Hotel de Ferrol e no que tomaron parte unha vintena de asistentes, déronse a coñecer os posibles efectos adversos e riscos laborais da exposición ao radon, coa análise da normativa e as medidas de seguridade e boas prácticas nos traballos en cuberta que se deben de implementar. Tamén se abordou a prevención de riscos psicosociais vinculados co sector metal en concreto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024