A Xunta reforza na Coruña a coordinación policial para a vixilancia e control da actividade incendiaria na tempada de alto risco

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presidiu a reunión do Comité Provincial da Coruña de Coordinación Policial contra os incendios forestais

A Coruña, 26 de xuño de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presidiu hoxe a reunión do Comité Provincial da Coruña de Coordinación Policial contra os incendios forestais para a campaña de alto risco de incendios forestais, no que tamén participou e a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros. Este órgano está formado por representantes das diferentes forzas e corpos de seguridade do Estado presentes en Galicia, ademais da propia Xunta.

O obxectivo da xuntanza, na que tamén participaron a Subdelegada do Goberno, María Rivas, membros da Delegación do Goberno e da Dirección Territorial de Medio Rural, foi coordinar as actuacións que se levarán a cabo para previr os lumes e loitar contra a actividade incendiaria. A xuntanza de traballo serviu para ultimar os detalles da vixilancia, disuasión e control da actividade delituosa incendiaria con vistas ao inicio da tempada de risco alto de incendios o 1 de xullo . Así, consonte ao habitual nestas datas, estableceuse unha distribución dos diferentes efectivos sobre o territorio, prestando especial atención a aquelas áreas con maior incidencia deste tipo de actuacións.

A través deste comité faise un seguimento, planificación e reforzo da coordinación das diferentes accións promovidas pola Consellería do Medio Rural e os diversas forzas e corpos de seguridade do Estado (fundamentalmente Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil) para loitar contra a actividade delituosa incendiaria, especialmente nas zonas con lumes recorrentes.

No marco deste comité, a delegada territorial apelou á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e fixo un novo chamamento á cidadanía para que denuncie calquera actividade delituosa que poida poñer en perigo a nosa riqueza forestal, xa que reiterou que 3 de cada 4 lumes son intencionados.

Neste sentido, lembrou que a Xunta ten a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, destacou que existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024