O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, presidiu esta mañá o pleno deste organismo autonómico

A Xunta celebra o primeiro aniversario da creación do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia

Os mozos e mozas integrantes puideron expoñer e poñer en común aquelas propostas que foron reunindo nos seus encontros periódicos para propoñer plans conxuntos de acción

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2024

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, presidiu esta mañá o pleno do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia ao que tamén asistiu a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana. Este pleno celebrouse cando se cumpre o primeiro aniversario desde a súa constitución.

Os integrantes deste Consello Autonómico son mozos de entre oito e 17 anos procedentes dalgún dos Consellos locais de participación infantil, impulsados por Unicef-Galicia, da Plataforma de Organización da Infancia de Galicia (POIG) e do sistema de protección autonómico. O seu obxectivo é ofrecerlles unha canle de participación na que eles sexan os protagonistas e teñan voz propia para trasladar as súas inquedanzas e incertezas.

Durante este encontro, puideron poñer en común as propostas que os mozos e mozas foron reunindo nos seus encontros periódicos para propoñer plans conxuntos de acción. Coa creación deste Consello Autonómico o Goberno galego consolida o seu compromiso de escoitar, atender e incorporar  todas as propostas da infancia e a adolescencia para mellorar a nosa sociedade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2024