Román Rodríguez anima aos sectores produtivos a seguir modernizándose a través do I+D+I e tecnoloxías punteiras

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP abre a xornada de presentación dos proxectos beneficiarios do programa Fábrica Intelixente e Sustentable 2023

Os nove proxectos apoiados nesta última edición forman parte de sectores clave da economía galega como a automoción, madeira, TIC ou alimentación, e están liderados por empresas referentes nos seus respectivos eidos

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, apuntou esta mañá na xornada de presentación dos proxectos beneficiarios da última edición do programa Fábrica Intelixente e Sustentable que a investigación industrial, o desenvolvemento experimental e a innovación son os puntais que deben guiar aos sectores produtivos, na medida en que permitirán mellorar a produtividade e optimizar os recursos, e que as tecnoloxías da Industria 4.0 como a intelixencia artificial, a fabricación aditiva ou o blockchain son unha oportunidade única para aumentar o valor engadido e crear unha vantaxe competitiva sobre os demais.

Por iso, o titular de Ciencia convidou ao tecido empresarial galego a seguir modernizándose a través da I+D+i e da adopción de tecnoloxías punteiras para consolidar a Galicia como unha potencia en I+D+i nos principais sectores da nosa economía, nun encontro celebrado na Cidade da Cultura de Galicia cos nove proxectos apoiados na última edición desta convocatoria.

Precisamente, Rodríguez subliñou que os nove proxectos apoiados a través de Fábrica Intelixente e Sustentable 2023 forman parte de sectores clave da nosa economía como a automoción, a madeira, as TIC ou a alimentación e que están liderados por empresas referentes nos seus respectivos eidos. Ademais, apuntou que máis da metade destas iniciativas se apoian nos principais centros de investigación e centros tecnolóxicos de Galicia, o que recalca a importancia de fortalecer ese vínculo entre ambos axentes que se vai seguir fomentando dende o seu departamento.

327M€ mobilizadas desde 2016

Na xornada, na que o conselleiro estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, presentáronse tamén os proxectos Plástic Tu Oil (Plastic2Oil), liderado por Tecnología y Reciclaje de Materiales (Tyrma) para a obtención de residuos cero en reciclaxe de plásticos e, o proxecto Fisterra, promovido por Norvento xunto á Universidade de Vigo e ao CTAG, que ofrece unha solución para embarcacións que permitirá ás autoridades portuarias dispor dun subministro eléctrico descarbonizado e adaptado ao seu tráfico marítimo. Finalmente, tamén se celebrou unha sesión formativa de xustificación da axuda dirixida aos beneficiarios.

En total, a través das cinco edicións deste programa, apoiáronse un total de 33 proxectos, cunha axuda de 100 M€ e un investimento mobilizado que supera os 327 M€.  As axudas desta convocatoria están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Feder Galicia 2021-2027.

Data de actualización: 25/06/2024