O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na clausura da Asemblea Xeral da Confederación Empresarial de Ourense (CEO)

A Xunta reafirma o seu compromiso co tecido produtivo e co emprego da provincia de Ourense co gallo de vertebrar o territorio e fixar poboación

José González lembrou accións en colaboración coa CEO a prol da inserción laboral e da formación para o emprego e sinalou que onte aprobáronse en Consello axudas por 76 M€ para formar 18.000 persoas nas profesións máis demandadas polas empresas

Aludiu ao proxecto piloto de coliving cun dos centros en Lobeira para promover o emprendemento no rural atraendo nómades dixitais, sinalando que iniciativas coma esta fixeron a Galicia merecedora do premio á ‘Rexión Emprendedora Europea 2025‘

Tamén se referiu aos Polos de emprendemento e apoio ao emprego -catro na provincia ourensá- que están axudando a dinamizar a economía tendo atendido xa máis de 2.000 proxectos en toda a Comunidade

Ourense, 25 de xuño de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou hoxe no acto de clausura da Asemblea Xeral da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), onde reafirmou o compromiso da Xunta co tecido produtivo e co emprego da provincia de Ourense co gallo de vertebrar e dinamizar o territorio e de fixar poboación. 

Na súa intervención, o conselleiro referiuse á CEO como interlocutora fundamental do Goberno autonómico co gallo de apuntalar a economía ourensá. Nesa liña, lembrou a colaboración coa entidade para incentivar a contratación e a orientación laboral e noutros eidos como o da formación para o emprego co fin de aumentar as oportunidades dos ourensáns de atopar un traballo de calidade.

Enmarcou estas accións nas políticas da Xunta para dar cobertura ás arredor de 15.000 vacantes laborais existentes en Galicia, facendo fincapé nas axudas aprobadas onte en Consello para entidades de formación co obxecto de impartir cursos para unhas 18.000 persoas sen traballo cun orzamento de 76 millóns de euros, o máis alto dos últimos 15 anos. Con este programa, continúase a reforzar e a flexibilizar a formación para o emprego -dixo- dando prioridade ás especialidades máis demandadas polas empresas, valorándoas tanto a nivel galego como por bisbarras concretas como as ourensás. 

Segundo salientou, casar oferta e demanda é tamén o propósito no que se está a avanzar grazas á pioneira ferramenta EMi, no marco da que se vén de intensificar o perfilado competencial nas oficinas de emprego co propósito de beneficiar máis de 70.000 persoas inscritas ata setembro de 2025.  

Nese mercado laboral máis dinámico, o conselleiro incluíu tamén aos galegos retornados mediante iniciativas como o Programa Retorna Cualifica Emprego que busca implicar especialmente ás empresas para ofrecer traballos en orixe cos que favorecer o regreso dos emigrados ou descendentes ao tempo que se cobren vacantes.   

O titular de Emprego, Comercio e Emigración tamén se quixo referir a un desafío como o do absentismo laboral, salientando que a Xunta traballará en coordinación con todos os axentes involucrados para abordar este problema estrutural e artellar posibles solucións.

Rexión emprendedora

González aproveitou para facer alusión ao impulso dun proxecto piloto de coliving para darlle un pulo ao emprendemento no rural atraendo nómades dixitais, en colaboración coa asociación Sende, que xestiona no concello ourensán de Lobeira o primeiro espazo coliving de Europa. Engadiu que iniciativas coma esta son as que fixeron a Galicia merecedora do premio á Rexión Emprendedora Europea 2025, que recoñece a aposta autonómica por desenvolver actividades empresariais que contribúan a fixar poboación. 

Un labor desenvolvido en boa parte desde os Polos de emprendemento e apoio ao emprego -engadiu- que levan atendido en toda Galicia máis de 2.000 proxectos en case dous anos. Entre eles, os ourensáns de Verín, O Carballiño, O Barco e Baños de Molgas. 

Compromiso con Ourense

No marco do compromiso coa provincia e coa cidade de Ourense, o conselleiro tamén falou da situación da Praza de Abastos número 1, insistindo na colaboración máxima da Xunta para adecuar o reformado mercado ás súas necesidades operativas, garantindo o traslado dos praceiros dende o mercado provisional nas mellores condicións.

Así, apostou pola creación dunha comisión supramunicipal na que formen parte Xunta, Concello e praceiros, e que elabore un proxecto técnico -que o Goberno galego se compromete a financiar- para ver cos praceiros e praceiras as obras de adecuación que están demandando.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2024