Xunta e concello de Laxe abordan os novos instrumentos de apoio para o desenvolvemento económico e industrial

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, mantivo hoxe un encontro co rexedor laxés, Francisco Charlín, con quen avaliou as medidas adoptadas polo Goberno galego para atraer investimentos e puxo en valor o traballo da Oficina Económica do Igape

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2024

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Laxe, Francisco Charlín, con quen abordou as medidas do Plan de aceleración de proxectos industriais e a entrada en funcionamento da nova Oficina Económica do Igape. 

Na xuntanza, Ardao explicoulle ao rexedor coruñés as actuacións postas en marcha polo Goberno galego para atraer novos investimentos á comunidade. Así, a directora xeral avanzoulle o Plan de aceleración de proxectos industriais, que garante a tramitación en menos dun ano daquelas iniciativas empresariais con máis de 800.000 euros de investimento, e os plan directores por sectores nos que a Xunta está traballando.

Margarita Ardao fixo tamén fincapé no compromiso da Xunta coa desburocratización da tramitación administrativa para atraer investimentos, tal e como está a facer o Goberno galego a través da Oficina Económica de Galicia dependente do Igape. Nos dous meses que leva en funcionamento, está atendendo arredor de 1.000 consultas ao mes e xa leva realizados máis de 150 plans individualizados de atención en toda Galicia.

E finalmente, no relativo á planificación de solo, Margarita Ardao explicou que, da man da Lei de Recursos Naturais que hoxe se presentou no Parlamento, o Goberno galego busca que vaia vinculada á planificación enerxética para poder abaratar a enerxía das empresas galegas e dos consumidores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2024