A Xunta reforza o asesoramento, a dixitalización e a innovación nos negocios a través da súa colaboración coa Federación Galega de Comercio

O director xeral de Comercio e Consumo visitou a sede da Federación Galega de Comercio en Lugo onde abordou co seu presidente distintos aspectos sobre o labor desta entidade e a colaboración co Goberno galego para poñer en valor este sector

O convenio asinado entre ambas partes inclúe consolidar unha oficina de asesoramento e formación para o mantemento dos comercios, o impulso de ferramentas como o E-Tícket Dixital e a Plataforma Ecommerce Online e diferentes iniciativas de dinamización e reactivación do consumo

Lugo, 25 de xuño de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou recentemente en Lugo a sede da Federación Galega de Comercio onde estivo acompañado polo seu presidente, José María Seijas, e por traballadores da Federación cos que intercambiou impresións sobre a actividade e proxectos da Federación, así como sobre o convenio asinado entre a Xunta e esta entidade para avanzar na innovación, dixitalización e dinamización do comercio.

Alí Gabriel Alén manifestou a aposta do Goberno galego por asegurar o mantemento dos negocios como vertebradores do territorio, fundamentais para a xeración de riqueza e emprego e para a fixación de poboación na Galicia non urbana. Ademais fixo fincapé na importancia do convenio asinado entre Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Federación Galega de Comercio para avanzar nestes obxectivos.

Esta colaboración conta cun orzamento global de 690.000 euros e permitirá avanzar en comercios polo miúdo especializados, de calidade, fortalecidos e modernos, que promovan o consumo responsable cunha actividade sostible, co fin de garantir a súa competitividade e remuda xeracional.

Nesta liña, entre as cuestións abordadas por ambas partes sobre esta colaboración está a Oficina de orientación asesoramento e información ao comercio galego e de formación no asociacionismo, que se consolidará para prestar especial atención ao emprendemento, cualificación e mantemento da actividade.

Outra vía de colaboración no marco do convenio é asegurar o mantementoda Plataforma Dixital Centralizada E-tícket, dirixida a axilizar e mellorar a relación e o contacto coa clientela mediante a substitución do tícket tradicional en papel por un sistema dixital, moderno, fiable e máis sustentable. Tamén se afianzará a Plataforma de Ecommerce Online Comercio Galicia de venda polo miúdo, para avanzar na dixitalización dos negocios impulsando especialmente a venda a través da internet.

Neste encontro tamén se puxeron en valor as distintas campañas de promoción que se desenvolven e que tamén abarca o traballo conxunto do Goberno galego cos comerciantes. Entre elas Días Azuis, que se desenvolverá ata o 30 de xuño para incrementar as vendas no comercio polo miúdo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2024