Sogama propón actualizar o seu canon polo sobrecusto derivado das decisións estatais e a Xunta achegará 9 M€ para paliar o impacto da medida nos concellos

O Consello de Administración da empresa pública foi informado de que o importe medio a pagar en 2024 pola xestión dos residuos quedaría en 66 € por tonelada

Os novos impostos sobre a vertedura e a incineración e o de produción da enerxía eléctrica así como a eliminación da retribución pola planta termoeléctrica de Cerceda supuxeron para a entidade un desembolso de 21,9 M€ só o ano pasado

Despois da actualización proposta, o canon pola xestión e o tratamento dos residuos domésticos nas instalacións de Cerceda seguiría sendo o máis barato de España

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2024

A Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) estuda actualizar o canon que aplica aos concellos por asumir a xestión e o tratamento dos seus residuos en resposta ás decisións do Goberno central adoptadas no último ano e medio e que están a ter un grande impacto económico no custo do servizo. A Xunta, en todo caso, transferirá este ano 9 millóns de euros ás 295 entidades locais adheridas ao modelo Sogama co fin de minimizar o impacto da medida.

O Consello de Administración da empresa pública reuniuse hoxe para analizar a situación e avaliar a proposta de revisión do canon para o ano 2024. Neste sentido, informouse de que o novo imposto estatal á vertedura e á incineración, en vigor desde xaneiro de 2023 e contra o que a Xunta xa presentara alegacións, supuxo un desembolso para Sogama de 14,4 millóns de euros ata agora; e que, ademais, a empresa tivo que abonar 2,9 millóns pola recuperación do imposto estatal do valor da enerxía eléctrica.

A estas contías hai que engadir tamén o feito de que en xullo de 2023 o Goberno central eliminou a retribución que viña percibindo Sogama polo investimento realizado na súa planta termoeléctrica, unha instalación de última xeración e que aplica no seu proceso de combustión unha tecnoloxía na que prima a eficiencia e a sustentabilidade.

Polo exposto, tras cifrar o encarecemento do servizo en 2023 nun total de 21,9 millóns de euros —asumidos integramente por Sogama—, propúxose hoxe que o importe medio a pagar este ano por parte dos 295 concellos que envían os seus residuos a Cerceda quede fixado en 66 euros por tonelada, descontada xa a achega da Xunta ás entidades locais a través dun Fondo de cooperación adicional e que sería de 12 euros/tonelada.

Unha vez coñecida a proposta, a Federación galega de municipios e provincias terá 10 días hábiles para presentar as súas posibles alegacións. Transcorrido ese prazo, o Consello de Administración de Sogama volverá reunirse para facer a súa proposta á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático que, previo informe do departamento de Facenda e Administración Pública, aprobará o novo canon deste ano.

En todo caso, e mesmo despois de aplicada a actualización proposta, o canon de Sogama seguirá sendo o máis barato de España en comparación co resto de plantas de tratamento de residuos municipais da súa mesma tipoloxía.

Ademais, a través do novo Plan de xestión de residuos municipais de Galicia —na recta final da súa tramitación— a Xunta seguirá articulando accións e campañas orientadas a promover a prevención e redución de residuos en orixe, así como a impulsar unha correcta selección dos mesmos, incluída a materia orgánica, para que as cifras de reciclaxe sigan crecendo en detrimento da cantidade depositada no contedor xenérico. Desta forma, verase reducido o importe que os entes locais terán que pagar a Sogama pola xestión e tratamento dos residuos procedentes da chamada bolsa negra.

Data de actualización: 25/06/2024