A Xunta ten aberto ata o 2 de xullo o prazo de solicitude das axudas a comunidades de veciños para a rehabilitación de edificios de vivendas protexidas

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, informou da convocatoria durante a visita a un inmoble rehabilitado con cargo a esta liña de axudas da Consellería de Vivenda e Planificación de infraestruturas dotada dun orzamento dun millón de euros

Ferrol, 25 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia ten aberto ata o próximo 2 de xullo o prazo para solicitar as axudas para a mellora de edificios de vivendas protexidas promovidas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). Así o lembrou esta mañá a delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, durante unha visita a un bloque de vivendas en Caranza beneficiario dunha convocatoria anterior grazas á que instalou un ascensor coa fin de mellorar a accesibilidade no inmoble.

Tal e como indicou Aneiros, as axudas que contan cun orzamento dun millón de euros -30.000 a executar en 2024 e os restantes 970.000 na anualidade 2025-, están dirixidas ás comunidades de propietarios ou agrupacións de comunidades dos edificios de vivendas, sempre que non recibiran outra axuda por parte dos IGVS para a realización de obras co mesmo concepto no dez anos anteriores.

As actuacións subvencionables abranguen desde intervencións de adecuación das condicións de seguridade do edificio, ata obras que proporcionen melloras nos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade ou telefonía, supresión de barreiras arquitectónicas, como foi o caso do inmoble de Caranza, ou traballos de adecuación das condicións de habitabilidade como actuacións de illamento térmico e acústico da envolvente e melloras na instalación de calefacción.

A delegada territorial puntualizou que as actuacións poderán estar iniciadas no momento de solicitar a subvención, pero non poderán estar finalizadas. “Con este cambio o que se pretende é posibilitar o acceso a estas axudas ás comunidades que por motivos de necesidade tiveran que iniciar as obras con anterioridade á publicación da convocatoria”, sinalou.

A intensidade das axudas que se tramitan polo procedemento de concorrencia competitiva, será do importe correspondente ao 60% do orzamento subvencionable e ata un importe máximo que resulte de multiplicar o número de vivendas existentes no edificio por 6.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2024