A Xunta sinala a importancia da formación para o emprego axustada ás demandas das empresas para que o sector TIC siga a ser referente en Galicia

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, acompañada do director do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), visitou hoxe as instalacións na Coruña de NTT Data

Puxo en valor o convenio de colaboración co clúster TIC Galicia para impartir formación adaptada aos perfís que está a precisar o tecido produtivo

Destacou a programación formativa do CNTG que ofrece máis de 2.300 prazas e case 6.000 horas de cualificación especializada nas novas Tecnoloxías da Información e Comunicación

O sector TIC está composto por máis de 3.100 empresas en Galicia e dá emprego a preto de 23.000 persoas, cunha facturación global de case 3.700 millóns de euros, o que supón o 2,7% do noso PIB

A Coruña, 25 de xuño de 2024

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, acompañado do director do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), Carlos Vázquez Mariño, visitou hoxe as instalacións na Coruña de NTT Data Galicia e mantivo unha xuntanza cos responsables da compañía na que explicaron os distintos proxectos que están a desenvolver na aposta polo modelo de traballo flexible.

Na reunión, entre outros temas, avaliaron a situación do sector TIC galego e as actuacións que no ámbito da formación para o emprego son precisas. Neste senso, a directora xeral recordou que a Xunta está a asinar convenios de colaboración cos principais clústeres galegos e entidades representativas de doce sectores estratéxicos para continuar a impulsar a formación axustada á demanda do tecido produtivo, adaptándoa ás transformacións de cada un deles. O obxectivo non é outro que o de promover unha oferta que dea resposta ás demandas de competencias nun mercado laboral incurso en procesos de transformación dixital e de innovación como é o sector das TIC.

No marco desta actuación, co Clúster das TIC asinouse un convenio por 1 millón de euros para a realización dun cento de cursos no que participaron arredor de 2.400 persoas.

Para o sector TIC galego, ademais, tanto para traballadores como para persoas desempregadas interesadas neste eido, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, conta cunha programación formativa moi ampla.  Así, entre setembro de 2023 e decembro de 2024 incluíu na súa planificación a impartición dun total de 115 cursos (50 en modalidade presencial, 48 en modalidade virtual, 9 en modalidade de teleformación e 8 en modalidade híbrida) cunha oferta de 2.308 prazas e 5.877 horas de formación. Tamén 102 seminarios técnicos.

No presente mes de xuño, ademais dos cursos en desenvolvemento, están previstos 12 seminarios técnicos sobre temáticas como a introdución á nube para desenvolvedores de aplicacións ou administradores de sistemas, blockchain, intelixencia artificial, métricas no desenvolvemento de aplicacións, dixitalización e competitividade para pemes, técnicas avanzadas de desenvolvemento e posta en funcionamento de ditas aplicacións, etc.

Centro referente formativo

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia confírmase así como referente formativo para o sector TIC, un ámbito composto por máis de 3.100 empresas na comunidade autónoma galega (o que supón a quinta posición no Estado, só por detrás de Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana) e dá emprego a preto de 23.000 persoas, cunha facturación global de case 3.700 millóns de euros, o que supón o 2,7% do noso PIB.

Os orzamentos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para 2024 destinan un total de 117 millóns para o Plan galego de formación para o emprego, que crece case un 13% respecto de 2023.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2024