A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe no Parlamento o proxecto de Lei de Promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia

A Xunta sitúa a Galicia á vangarda de Europa cunha lei que garante que o aproveitamento dos seus recursos naturais beneficie a todos os galegos

“Esta lei nace cun espírito transformador e cunha idea moi clara: converter a riqueza natural de Galicia en riqueza social”, subliña

A valoración dos beneficios sociais e económicos dos proxectos cuxa autorización sexa de competencia autonómica integrarase dentro da avaliación do seu impacto ambiental

Exixirase ao promotor un estudo de impacto social e económico do proxecto e a súa avaliación no procedemento de autorización.

O texto inclúe unha regulación específica para facilitar o autoconsumo nas áreas empresariais, un canon á eólica mariña e un fondo con achegas públicas e privadas destinado a financiar actuacións de recuperación das zonas afectadas por incendios de incidencia singular

A nova norma prevé o abaratamento da factura eléctrica a familias e empresas e o avance da autonomía enerxética na comunidade

Outro dos puntos fortes da lei é que regula un mercado voluntario de créditos de carbono para “monetizar” a captación de carbono de determinadas actividades

Resalta as vantaxes de que a Administración participe nos proxectos a través, por exemplo, da Sociedade Recursos de Galicia (RDG), xa en funcionamento, que vai ver multiplicadas as súas posibilidades con esta nova norma

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe no Parlamento galego o proxecto de Lei Promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia que cualificou como “única” en Europa e “exclusiva” pola riqueza natural diferenciada de Galicia.

“Esta lei nace cun espírito transformador e cunha idea moi clara: converter a riqueza natural de Galicia en riqueza social”, subliñou Lorenzana na súa intervención na comisión parlamentaria. Isto vaise facer, proseguiu, fomentando os beneficios sociais e económicos dos diferentes proxectos, que van ser un compromiso adicional adquirido polos promotores para xerar un impacto positivo na comunidade autónoma e, especialmente, nas zonas situadas dentro do seu ámbito de influencia.

A conselleira explicou que esta norma, “absolutamente garantista”, comprende os proxectos de produción de enerxía a partir de fontes renovables; os que requiren da concesión de augas que a propia lei determina; e os dereitos, concesións mineiras e proxectos de explotación mineiros.

Así, avanzou que a valoración dos beneficios sociais e económicos das iniciativas cuxa autorización sexa de competencia autonómica integrarase dentro da avaliación do seu impacto ambiental, que se fará de acordo coa lexislación estatal e autonómica aplicable, se fose preceptiva, para establecer as medidas que permitan previr, corrixir e, de ser o caso, compensar os seus efectos sobre o ambiente.

Para iso, establecerase un sistema de indicadores do impacto socioeconómico no territorio, así como instrumentos financeiros para apoiar os proxectos. E aínda no caso de non ser preceptiva a avaliación de impacto ambiental, exixirase ao promotor un estudo de impacto social e económico do proxecto e a súa avaliación no procedemento de autorización.

Lorenzana explicou que se terá en conta a promoción de novos investimentos e, en particular, de mecanismos de reinvestimento dos beneficios obtidos. O fomento da creación e o mantemento de emprego directo e indirecto, así como a creación de emprego cualificado na área de implantación e o fomento do emprego feminino. Tamén a participación nos proxectos de investidores locais e de empresas e administracións da zona na que se situará a instalación. A redución de custos da enerxía e a redución da dependencia enerxética das persoas consumidoras locais e industrias das zonas. E a colaboración e o desenvolvemento de grupos de investigación vinculados a melloras en aproveitamentos enerxéticos, mineiros, forestais ou industriais vinculados ás universidades e aos centros de investigación e desenvolvemento de Galicia.

Abaratamento da factura eléctrica e canon á eólica mariña

Entre os instrumentos que incorpora a lei, mencionou o feito de que a Administración participe nos proxectos a través, por exemplo, da Sociedade Recursos de Galicia (RDG), xa en funcionamento, que vai ver multiplicadas as súas posibilidades con esta nova norma. “É unha solución para os fogares e as industrias e un potencial aliado para os axentes que operan no sector dos recursos naturais”, apuntou. E, ao fío subliñou que a norma permitirá tamén abaratar a factura eléctrica ás familias e ás empresas, así como avanzar na autonomía enerxética da comunidade galega.

Tamén destacou que o texto inclúe unha regulación específica para facilitar o autoconsumo nas áreas empresariais, que permita a instalación de infraestruturas nas parcelas lucrativas e dotacionais e sobre as edificacións, ademais de establecer unha interpretación das ordenanzas dos parques empresariais en materia de alturas máximas, recuamentos, edificabilidade e outras similares de xeito que favorezan a implantación de infraestruturas enerxéticas eficientes.

Outro dos puntos fortes é que regula un mercado voluntario de créditos de carbono para “monetizar” a captación de carbono de determinadas actividades, que contribuirá á protección do medio natural e que fomentará aqueles proxectos e actividades que permitan reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro ou absorber carbono da atmosfera ao ser susceptibles de obter unha contraprestación económica.

Ademais, establece un canon á eólica mariña para compensar as afeccións ambientais e socioeconómicas sobre o territorio dos desenvolvementos de instalacións de aeroxeración off-shore. E tamén un fondo con achegas públicas e privadas destinado a financiar actuacións de recuperación das zonas afectadas por incendios de incidencia singular.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2024