A Xunta destaca a importancia da Prevención de Riscos nos postos de traballo con carga física e avoga pola promoción de hábitos saudables nos espazos laborais

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na apertura dun webinario técnico organizado polo Issga

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na apertura do webinario Prevención de trastornos musculoesqueléticos en postos de traballo con carga física, organizado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga). A xornada técnica, que se celebrou en colaboración con McMutual, é a novena que organiza este ano o Issga no marco do seu Plan de actuación 2024 no que se inclúen diversas actuacións de investigación, difusión e sensibilización relacionadas cos trastornos musculoesqueléticos.

Ademais, ante a incidencia deste tipo de accidentes de traballo e enfermidades profesionais no tecido empresarial, na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 da Xunta, inclúense coma obxectivos estratéxicos o impulso de campañas para a prevención dos riscos ergonómicos co fin de evitar a aparición destes trastornos.

A xornada, en concreto, afondou na prevención dos trastornos musculoesqueléticos naqueles postos de traballo onde o compoñente da carga física está presente dunha forma significativa. A formación centrouse na identificación e avaliación dos factores de risco ergonómico, e na importancia de ter un posto de traballo ben deseñado e con unha axeitada organización do traballo.

Fernández salientou que o Issga leva a contribuír nos 10 últimos anos na ampliación da Rede Española de Empresas Saudables (RESS) e na súa planificación está previsto o desenvolvemento de estratexias para a promoción de hábitos saudables nas organizacións, así como para a prevención dos trastornos musculoesqueléticos.

Data de actualización: 25/06/2024