Os hoteis galegos marcan datos históricos en maio e a súa rendibilidade medra un 7% nos cinco primeiros meses do ano

Os datos do INE constatan que o avance cuantitativo en canto a número de viaxeiros e noites no segmento hoteleiro vén acompañado de positivos datos económicos no sector

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2023

Os hoteis e pensións galegos melloraron a súa rendibilidade e rexistraron datos históricos de viaxeiros e noites no mes de maio, como así o constatan os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE).  Con 552.000 viaxeiros aloxados e algo máis de 911.000 noites nos establecementos hoteleiros en maio, incrementouse un 16% a cifra de viaxeiros e un 14,5% a de pernoitas, en ambos casos con cifras superiores á pandemia e por riba da media española.

Por mercados, destaca o incremento do internacional que medrou un 23% nese mes e Galicia colocouse como a terceira comunidade que medrou con máis intensidade en maio, por detrás de Aragón e Cantabria. Este avance cuantitativo repercutiu tamén de xeito cualitativo con niveis de rendibiidade hoteleira que medraron no quinto mes do ano un 17% e, con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais nominais de 39,8 millóns de euros no mes de maio, cifra que supón un incremento do 17% con respecto ao ano anterior.

Estes bos datos do mes de maio fanse extensivos ao acumulado do ano (de xaneiro a maio, os últimos datos feitos públicos polo INE) no que se refire aos hoteis e pensións. Nos cinco primeiros meses mellorou a súa rendibilidade nun 7% e se estima que o sector hoteleiro tivo uns ingresos totais nominais de 114,4 millóns de euros, cifra que supera nun 8,7% o ano pasado.

De xeito global e a falta que o INE faga públicos nuns días os datos nos establecementos extrahoteleiros (casas de turismo rural, campings, albergues…), Galicia rexistrou polo de agora 1,9 millóns de viaxeiros que fixeron 3,2 millóns de noites.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/06/2024