O Diario oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para o ano 2024

A Xunta lanza unha nova convocatoria de axudas para a construción de vivendas de alugueiro accesible, dotadas cun investimento de máis de 14,7 M€

Ábrese a primeira convocatoria dunha nova modalidade de promoción de vivendas protexidas de nova construción ou procedentes de rehabilitación con fondos propios da Xunta e un investimento autonómico de 7,2M€ 

Convócase tamén a segunda edición das axudas dirixidas a promotores de vivendas e outras modalidades residenciais tipo cohousing, interxeneracionais ou similares de nova construción ou procedentes da rehabilitación, ás que se destinan mais de 7,5M€

O prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria permanecerá aberto ata o 31 de outubro de 2024

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, lanza hoxe unha nova convocatoria de axudas para incentivar aos promotores privados a construír inmobles de vivendas de alugueiro accesible na comunidade autónoma, que contribúan a reforzar o parque residencial en alugamento. Destínase un presuposto de 14.760.000 euros para estas axudas.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a convocatoria destes incentivos que inclúe dous programas diferenciados.

Dunha banda, convócase a primeira convocatoria dunha nova modalidade de promoción de vivendas protexidas de nova construción ou procedentes de rehabilitación ao alugueiro. E doutra, convócase a segunda edición da liña de axudas para a promoción de vivendas para alugueiro, aloxamentos temporais, e outras modalidades residenciais tipo covivenda (cohousing), vivendas interxeneracionais e modalidades similares de nova construción ou procedentes da rehabilitación.

Concretamente, a Xunta destinará un orzamento autonómico de 7.200.000 euros ao novo programa dirixido á promoción de vivendas protexidas de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que se vaian destinar ao alugueiro por un prazo de, polo menos, 15 anos.

Ademais, nesta mesma convocatoria, a Xunta reserva 7.560.000 euros dos fondos do Plan de Vivenda 2022-2025 ás axudas á promoción de vivendas e outras modalidades residenciais tipo cohousing, vivendas interxeneracionais ou similares, de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que se vaian a destinar ao alugueiro ou ceder en uso por un prazo de, polo menos, 20 anos.

Máis en concreto, para acollerse a calquera destas dúas modalidades de axudas impulsadas pola Xunta, as vivendas que se promovan deben cumprir como requisitos que as mesmas sexan destinadas ao alugueiro accesible ou á cesión de uso polo prazo indicado, segundo a súa modalidade.

Ademais, no suposto de que se trate de vivendas protexidas, con independencia da modalidade da que se trate, deberán destinarse ao alugueiro, conforme ao establecido na súa cualificación.

As vivendas deberán cumprir a normativa de habitabilidade de vivendas de Galicia. Así mesmo, as vivendas situaranse en localidades que teñan inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida do Instituto Galego de Vivenda e Solo, cando menos, cinco unidades de convivencia por cada vivenda para a que se solicita financiamento.

As promocións de nova construción ou procedentes da rehabilitación de edificios que se acollan ás axudas deste programa deberán cumprir coas normativa de accesibilidade e ter unha cualificación enerxética mínima A, tanto en emisións de CO2 como en consumo de enerxía primaria non renovable.

As axudas pódense destinar para a totalidade das vivendas dunha mesma promoción ou para unha parte delas, sempre e cando a promoción teña un mínimo de cinco vivendas que cumpran as condicións deste programa.

As obras deberán realizarse no prazo máximo de 36 meses desde a data de notificación da concesión da axuda. Non obstante, o citado prazo estenderase a 38 meses cando se trate de promocións de máis de cincuenta aloxamentos ou vivendas. Cando se trate de actuacións de rehabilitación os prazos serán de 30 meses e 32 meses, respectivamente.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe estas convocatorias de axudas ao fomento da construción de vivendas de alugueiro accesible para 2024, con carácter plurianual. A resolución e o extracto da mesma poden consultarse nos seguintes enlaces: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240624/AnuncioC3Q2-180624-0001_gl.html   e https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240624/AnuncioC3Q2-180624-0002_gl.html

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de outubro de 2024 ou ata o esgotamento do crédito.

A Xunta ten en marcha varios programas dirixidos ao acceso á vivenda, todos eles recollidos no Pacto de Vivenda de Galicia 2021-2025, asinado polos representantes das entidades integrantes do pleno do Observatorio da vivenda de Galicia, documento que xorde da análise conxunta e da contribución de todos os representados no pleno do citado observatorio. No devandito pacto recóllense as liñas de actuación pública na materia, constituíndo un instrumento de planificación das políticas públicas neste eido na comunidade autónoma.

Data de actualización: 24/06/2024