A Fundación Cidade da Cultura renovará a través dun concurso público a dirección de acción cultural para abrir unha etapa nova na súa programación

A institución procura avanzar na internacionalización e dixitalización da cultura galega, no apoio á comunidade de creadores e na descentralización do Gaiás, transformándoo nunha factoría que exporte contidos a centros de dentro e fóra de Galicia

A decisión pon fin a unha etapa de máis de doce anos con María Pereira Otero á fronte deste departamento, período no que a Cidade da Cultura consolidouse como unha das institucións culturais máis dinámicas da comunidade

Nos próximos días aprobaranse as bases do concurso público para a elección da nova dirección seguindo os principios de transparencia, mérito e capacidade

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2024

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia anuncia un concurso público para renovar a súa Dirección de Acción Cultural, convocatoria coa que busca abrir unha etapa nova na súa programación. Con esta decisión, a institución procura afondar na dixitalización e internacionalización da cultura, no apoio á comunidade de creadores e na descentralización do Gaiás, obxectivos recollidos no II Plan Estratéxico 2021-2027.

A renovación busca darlle un impulso á actividade do Gaiás tras doce anos con María Pereira Otero á fronte da Dirección de Acción Cultural. A Fundación quere recoñecer a profesionalidade do traballo de María Pereira ao longo dun período no que o Gaiás consolidouse como unha das institucións culturais galegas máis dinámicas. 

A elección da nova Dirección de Acción Cultural realizarase a través dun concurso público, cuxa convocatoria terá lugar nos próximos días, un proceso transparente que cumprirá cos criterios de mérito e capacidade para a selección da candidatura idónea.

María Pereira 

Desde a súa chegada en 2012, un ano despois da apertura da Cidade da Cultura, a xestión de María Pereira contribuíu a artellar, facer medrar e consolidar un programa de referencia, con eventos tan recoñecidos como Escenas do Cambio, o Encontro de Artistas Novos, Atardecer no Gaiás ou ciclos como Reb/velas na paisaxe ou Ópticas contemporáneas.

Da súa etapa destaca o traballo no Museo Gaiás. Exposicións internacionais como Auga Doce, Camiños creativos, Carne y Arena ou proxectos como Da árbore á cadeira, Pensar coas mans ou a recentemente inaugurada Outras historias posibles, entre outras moitas, converteron este Museo nun dos grandes centros expositivos do Norte de España. Tanto é así que o programa cultural recibiu o aval de institucións como a Fundación Contemporánea, que, a través do seu Observatorio da Cultura, situou o Gaiás como a primeira institución cultural galega do 2023, e sempre entre as tres primeiras posicións nos últimos anos.

Data de actualización: 24/06/2024