A Xunta consolida a gratuidade nas escolas infantís 0-3 de iniciativa social e privadas para o 100% do alumnado no próximo curso

Rueda adianta que por primeira vez estes centros aplicarán, xa no 2025 e de cara ao curso 2025/26, os mesmos criterios de preferencia no acceso

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Executivo autonómico investirá 45,7 millóns de euros de fondos propios para consolidar a gratuidade da atención educativa en escolas infantís de iniciativa social e privadas para o 100% do alumnado de 0 a 3 anos no vindeiro curso 2024/25, unha medida na que Galicia é “pioneira” e que é “practicamente única a día de hoxe entre todas as comunidades autónomas”.

Tal e como salientou Rueda, entre estes centros e os de titularidade pública, tanto os propios da Xunta coma os que dependen dos concellos, porase á disposición das familias preto de 32.000 prazas de balde, polo que, un curso máis, todos os nenos e nenas que acudan a estas escolas terán cuberta a atención educativa “en todas as escolas infantís de Galicia sexa cal sexa a renda da familia e sexan cales sexan as características da escola”.

Con esta medida, Galicia aspira a reforzar a súa posición de liderado que xa ten na escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil en España cunha taxa do 56,4%, dez puntos por riba da media. A nosa comunidade foi pioneira na implantación da gratuidade, un proceso que iniciou no curso 2019/20 para as familias con dous ou máis fillos e que no curso 2022/23 se ampliou ao 100% do alumnado.

Segundo salientou o presidente da Xunta, esta nova orde de axudas ten como novidade que “por primeira vez todas as escolas de iniciativa social e privadas aplicarán os mesmos criterios de preferencia no acceso”, dando prioridade ás familias con irmáns na escola, a fillos de traballadores do centro e a familias nas que traballan os dous proxenitores ou o proxenitor no caso de familias monoparentais. Isto aplicarase xa en 2025, para o acceso ao curso 2025/26.

Anticipos das axudas

Ademais, mantense o aboamento de tres anticipos ás escolas para axudas no mantemento da gratuidade. O primeiro deles será do 100% da cantidade correspondente ao período de setembro a decembro de 2024, para que os centros dispoñan da liquidez ao inicio do curso. O segundo anticipo será do 45% do importe da achega e efectuarase a comezos de 2025 para o período de xaneiro a marzo e o terceiro, da mesma contía, para os meses de abril a xullo. O 10% restante aboarase ao remate do curso.

A convocatoria sairá proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG) e abrirase o día seguinte ao da súa publicación un mes de prazo para que os centros se acollan a esta medida. As escolas que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación terán de prazo ata o vindeiro 30 de novembro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/06/2024