A campaña da Xunta ‘Veráns de Lecer Consumo’ comeza hoxe con máis de 200 actividades para rapaces de 3 a 18 anos en 60 concellos galegos

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou, xunto coa xerente do IGCC, Sol Vázquez, unha destas actuacións no Colexio Rural Agrupado (CRA) de Teo coa que se busca concienciar dun xeito lúdico sobre o consumo responsable

Alén destacou a importancia de educar en consumo para acadar unha sociedade formada por consumidores conscientes, solidarios e responsables, comprometidos coa súa contorna e coñecedores dos seus dereitos para defendelos

Teo (A Coruña), 24 de xuño de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañada da xerente do Instituto Galego de Consumo e da Competencia ((IGCC), Sol Vázquez, visitou hoxe a actividade Xogueteando: Un lecer diferente que organiza a ANPA A Cantoñeira no Colexio Rural Agrupado (CRA) de Teo no marco da campaña autonómica Veráns Lecer Consumo, que arranca hoxe e ata o vindeiro 2 de agosto con máis de 200 actividades programadas en máis de 60 concellos para concienciar ás rapazas e rapaces de entre 3 e 18 anos dun xeito lúdico sobre a importancia do consumo responsable e sustentable.

Trátase dun programa de carácter gratuíto que está a disposición de todos os concellos de Galicia co obxectivo, en palabras do director xeral, de ocupar o tempo libre do verán dos rapazas e rapaces dun xeito lúdico e ao mesmo tempo instrutivo. Así, a través do concepto de lecer responsable, trabállanse diversas temáticas relacionadas co consumo responsable sustentable.

A iniciativa, deste modo, está composta por diversas actividades relacionadas cos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, o consumo intelixente, a publicidade ou o uso das novas tecnoloxías. Cada actuación, que ten unha duración dunha hora cada unha,  estará adaptada en función das distintas idades dos rapazas e rapaces e das diferentes persoas ás que vaia dirixida.

Xogueteando: Un lecer diferente, que tivo lugar hoxe en Teo, estivo destinada a nenos de entre 3 e 6 anos, e consistiu na narración dun conto baseado no consumo responsable e na idea principal de que non é preciso empregar moitos xoguetes para gozar do lecer, propoñendo outras alternativas. A continuación os nenos e nenas tiveron que crear o seu propio xoguete relacionado co relato.

Complementan a oferta de Lecer Consumo, que se vai a desenvolver nos diferentes concellos, A Xincana do Consumo Responsable, dirixida a nenos e  nenas de 7 a 12 anos; O Mercadoiro, un mercado con produtos cotiás para a rapazada de entre 13 e 14 anos; e A Fábrica dos Contidos, un reto de deseño de produto innovador e a súa publicidade para a mocidade de entre 15 a 17 anos.

Gabriel Alén, así mesmo, indicou que a iniciativa Veráns de Lecer Consumo complementa o conxunto de actividades formativas e divulgativas postas a disposición da cidadanía pola Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), que no pasado ano chegou a máis de 20.000 persoas.

A Xunta de Galicia considera que a educación en materia de consumo permite reducir os riscos de vulnerabilidade das persoas consumidoras e de acadar unha sociedade formada por consumidores conscientes, solidarios e responsables, comprometidos coa súa contorna, coñecedores dos seus dereitos e activos para defendelos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/06/2024