A Xunta abre mañá o prazo para solicitar as axudas do programa do ‘Voluntariado sénior’

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 100.000€ para colaborar coas persoas maiores de 55 anos no desenvolvemento de actividades de voluntariado

A convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, está dirixida a entidades privadas sen ánimo de lucro e a organismos locais

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria para que as entidades de acción voluntaria e os organismos locais soliciten acollerse ás axudas do programa Voluntariado sénior. Trátase dunha iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dotada con 100.000€ coa finalidade de ofrecer ás persoas maiores de 55 anos a oportunidade de desenvolver actividades de voluntariado, favorecendo así que manteñan unha vida activa e se contribúa a aproveitar, como sociedade, todos os seus coñecementos de vida.

O prazo para formar parte desta liña de subvencións estará aberto desde mañá e durante un mes. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Administración autonómica. Cómpre lembrar que o orzamento desta convocatoria repártese en 55.000€ para entidades privadas sen ánimo de lucro e 45.000€ para as entidades locais.

Requisitos a cumprir

Segundo as bases publicadas, non serán obxecto de subvención aqueles proxectos que conten con máis de 8 persoas participantes. No caso de que as solicitudes sexan achegadas por entidades locais resultado dunha fusión, agrupación, asociación, mancomunidade ou similar, a cifra de participantes poderá ser de ata 20 persoas.

No relativo a contía das axudas, será de ata 2.400 euros nos casos de que haxa 8 persoas voluntarias colaborando 3 horas ao día por un total de 60 días. Para os proxectos que conten con 20 persoas voluntarias colaborando 3 horas ao día por un total de 60 días será de ata 6.000€. Ademais, serán subvencionables as iniciativas que se realicen entre o pasado 1 de xaneiro e o vindeiro 31 de outubro deste ano e a súa duración debe comprender entre 15 e 60 días. As entidades locais poderán concorrer á convocatoria de xeito individual ou conxuntamente baixo fórmulas de agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar.

Proxectos subvencionables

As temáticas das propostas que poden optar a estas axudas son as actividades relacionadas co Camiño de Santiago; accións de recuperación da cultura, arte e tradicións populares galegas; intervencións orientadas á conservación da natureza e creación de contornas saudables; proxectos relacionados coa igualdade de xénero ou actuacións orientadas á innovación e investigación en relación co benestar das persoas maiores.

Tamén serán subvencionables actividades cuxo obxectivo sexa a humanización das contornas rurais e urbanas; as que garden relación co fomento da utilización das novas tecnoloxías da información e comunicación; as que recollan iniciativas de mellora dos servizos comunitarios; as encamiñadas a orientar a eliminar estereotipos sobre as persoas maiores ou as propostas que fomenten a cooperación interxeracional como xeito de aprendizaxe mutua.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/06/2024