Xosé Merelles salienta a oportunidade que ofrecen os trens turísticos da Xunta para coñecer Galicia este verán nalgunha das súas 11 rutas

O director de Turismo de Galicia e o delegado da Xunta en Pontevedra participan no itinerario da Ruta do Viño das Rías Baixas que terá outra saída en agosto

Explica que nos 10 anos desta iniciativa -que se realiza en colaboración con Renfe e o Inorde- se ofreceron máis de 25.000 prazas cunha media do 95% de ocupación

Barro (Pontevedra), 22 de xuño de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe xunto o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, nunha das 11 rutas dos  trens turísticos da Xunta deste ano, en concreto a do Viño das Rías Baixas, onde puxo en valor esta iniciativa por estar “xa consolidada na oferta galega e por conseguir reforzar a sostibilidade do destino”.

O director de Turismo salientou o éxito desta iniciativa que desde a súa posta en marcha, hai unha década, ofreceu máis de 25.000 prazas cunha media do 95% de ocupación. “O ano pasado ofrecemos unhas 2.000 prazas e obtivemos unha ocupación de 90% aprox. nos seus  itinerarios, destacando de xeito importante o 100% de ocupación no da Camelia o 98% no dos Faros ou o 97% no dos Queixos”, dixo.

Xosé Merelles animou a participar este verán nalgunha das rutas deste ano que permitirán coñecer distintos lugares de Galicia a bordo do tren. En concreto, sobre a Ruta do Viño das Rías Baixas, destacou que se trata dun percorrido “moi completo que permitirá degustar o mellor da nosa enogastronomía, pero tamén visitar a oferta patrimonial e costeira de Galicia”. O itinerario percorre parte da Ría de Arousa e enclaves coma as To­rres de Oeste de Catoira. Tras un­ha parada na Adega de Pazo de Baión, visítase o casco históri­co de Cambados e realízase un­ha travesía pola Ría de Vigo con desembarco na illa de San Simón. A seguinte saída será o 10 de agosto.

Xunto a este itinerario, nos vindeiros meses irán celebrándose o resto de rutas como  a dos Faros, unha viaxe que comezará e culminará na Estación de tren de Ferrol tras visitar Cabo Ortegal, o mirador de Vixía Herbeira, o Santuario de Santo André de Teixido e o Cabo Estaca de Bares. Os participantes tamén poderán coñecer Viveiro e os acantilados de Loiba. Terá novas saídas o 6 e 20 de xullo, o 3 e 31 de agosto e o 7 de setembro, para as que aínda quedan billetes dispoñibles.

Gastronomía e patrimonio

O programa deste ano inclúe tamén a ruta MEGA e A Coruña 1906 no que se poderán visitar a cidade herculina, o MEGA e o Concello de Abegondo que terá a próxima saída o 13 de xullo; a Ruta dos Mosteiros será a proposta que tamén sairá ese día 13 de xullo , coa que se convidará os participantes a coñecer o chamado ‘Versalles galego’, o Pazo de Oca, para logo visitar o Mosteiro do Carboeiro, o templo de Vera Cruz, no Carballiño, e o Mosteiro de Oseira. A ruta das Mariñas que partirá de A Coruña e chegará a Ferrol tras percorrer as Mariñas e Terras de Mandeo, visitando Betanzos, Paderne, e Pontedeume. De volta en Ferrol, realizarase un paseo pola ría e outro polo barrio da Magdalena. Será o 17 de agosto.

A ruta dos Queixos percorrerá tres das catro denominacións de orixe dos queixos de Galicia. En primeiro lugar, en Sobrado dos Monxes para coñecer a Casa do Queixo, para degustar queixo de Tetilla e Arzúa-Ulloa. A seguinte parada será a queixería Don Crisanto, en Vilalba co seu queixo San Simón da Costa. Tras xantar (libre) en Lugo, vistarase o proxecto de ecoagroturismo de Arqueixal, en Albá (Palas de Rei) co queixo Arzúa-Ulloa como produto estrela. O 27 de xullo e 21 de setembro.

O 27 de xullo sairá a ruta O Ribeiro-Rías Baixas que ten por eixe o río Miño, visitando en primeiro lugar a adega Señorío de Rubiós, cos seus viños do Condado, sub-zona da Denominación de Orixe Rías Baixas. A viaxe continuará en Ribadavia, capital do Ribeiro, achegándose ao Museo do Viño de Galicia situado na Reitoral de Santo André de Camporredondo. A continuación visítase o castro de San Cibrao de Las, un dos maiores de Galicia. Finalizararase a xornada visitando a estación de Santa Cruz de Arrabaldo, convertida en museo.

Billetes á venta

En agosto, o día 24, sairá a Ruta da Lamprea, que sairá de Pontevedra para dirixirse ata Salvaterra de Miño para visitar o Museo da Ciencia do Viño situado no castelo. Máis tarde inclúese un paseo por Tui, o centro histórico e a súa catedral-fortaleza. Pola tarde visita ás pesqueiras de Arbo, senlleiras construcións centenarias que serven para capturar a lamprea no río Miño. Visitarase o centro de interpretación do viño e a lamprea “Arabo”. Finalmente inclúese un percorrido ata a Cooperativa Condado-Paradanta nas Neves, para degustar requeixo, mel e viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. 

Tamén en agosto, o día 17 será a quenda da Ruta dos viños de Monterrei que inclúe degustación na adega Gargalo e percorrer a acrópole do castelo de Monterrei. Pola tarde visita a Allariz, e o Ecoespazo do Rexo, para degustar os seus queixos. Vistarase tamén Xunqueira de Ambía e o día rematará na estación de Baños de Molgas, convertida en museo, albergue e restaurante.

Cada ruta do dos Trens Turísticos de Galicia ten unha duración dun día e ademais do percorrido en tren, a iniciativa inclúe un servizo de guías oficiais de Galicia durante a viaxe, xunto con traslados complementarios en autobús e entradas aos puntos de interese. A programación completa dos Trens Turísticos de Galicia xunto con toda a información para a reserva e a compra de billetes pódese consultar na web de Turismo de Galicia, aínda que os billetes tamén se poden mercar en calquera estación de Renfe.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2024