A conselleira Martínez Allegue traslada ao alcalde de Poio, Ángel Moldes, o compromiso da Xunta para humanizar a estrada PO-308

A responsable de Vivenda e Planificación de Infraestruturas abordou co rexedor a materialización desta actuación a través dun convenio de colaboración entre ambas administracións

Trátase da mellora do tramo da PO-308 entre a ponte da Barca e a PO-310, cun orzamento de 1,1 M€, do que o Goberno galego achegaría o 70 % e o concello, o 30 %

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2024

A conselleira Martínez Allegue vén de manter unha xuntanza co alcalde de Poio, Ángel Moldes, ao que lle trasladou o compromiso da Xunta para a humanización da estrada PO-308.

A responsable de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, abordou co rexedor a necesidade dun convenio de colaboración para executar esta actuación, que sería cofinanciada entre a Xunta e o Concello de Poio.

A primeira fase do proxecto abrangue o tramo da vía autonómica que comunica a ponte da Barca coa estrada PO-310. O orzamento previsto para esta intervención ascendería a 1,1M€, dos que o Goberno galego achegaría o 70 % e a administración local, o 30 % restante.

No que se refire ás obrigas a establecer no convenio, corresponderalle ao Concello licitar e executar os traballos previstos.

Cómpre lembrar que a Xunta leva anos investindo no acondicionamento desta estrada PO-308. Así, en Poio, executáronse sendas e melloras de seguridade viaria entre O Covelo e Raxó, xa rematadas; e en Combarro, que están en marcha.

Tamén se levaron a cabo melloras e sendas nesta vía ao paso por Portonovo e A Lanzada e se humanizaron as travesías de Sanxenxo e Portonovo, en colaboración co concello.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2024