O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración estivo esta tarde na facultade herculina de Economía e Empresa

A Xunta apela na Coruña ao potencial das novas xeracións para nutrir o emprendemento e o mercado laboral do futuro

José González clausurou o acto de apadriñamento e entrega de diplomas ás promocións dos mestrados en Contabilidade Superior e Auditoría de Contas e en Banca e Finanzas do curso 2023-2024 da Universidade da Coruña (UDC)

Puxo en valor a colaboración coa UDC para promover o espírito emprendedor e innovador na comunidade universitaria, así como a Rede de polos de emprendemento que xa leva atendido máis de 2.000 proxectos en toda Galicia

Tamén iniciativas a prol da xuventude como o programa de 1ª experiencia profesional, con prazo de solicitude aberto e que prevé incorporar entre 250 e 410 persoas mediante contratos de formación e a cualificación en competencias brandas

A Coruña, 21 de xuño de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, clausurou esta tarde o acto de apadriñamento e entrega de diplomas ás promocións dos mestrados en Contabilidade Superior e Auditoría de Contas e en Banca e Finanzas do curso 2023-2024 da Universidade da Coruña (UDC). Alí, puxo en valor a colaboración coa UDC para promover o espírito emprendedor na comunidade universitaria, así como iniciativas a prol da xuventude como o programa de 1ª experiencia profesional.

Na súa intervención, o conselleiro puxo de relevo que as novas xeracións están chamadas a escribir o noso futuro, que agarda que estea “cheo de oportunidades, de progreso e de crecemento”. Avogou por que o alumnado que hoxe recolle os seus diplomas -parte deles beneficiarios das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) que concede a Xunta- siga desenvolvendo as súas capacidades e aptitudes no mundo do emprendemento ou no mercado laboral, tomando como base o traballo en equipo e a escoita activa para lograr “avanzar e acertar nos diferentes cometidos”.

Esa é a filosofía, dixo, que rexe a colaboración que a Xunta vén mantendo coa Universidade da Coruña para promover o espírito emprendedor e innovador na comunidade universitaria, a través de actividades de mentoring, congresos específicos, aceleradoras de proxectos ou -este ano como novidade- feiras de emprendemento e premios ao emprendemento universitario.

A aposta da Xunta de Galicia polo emprendemento como xerador de riqueza e emprego é clara, destacou José González, e boa mostra é que onte mesmo recollía en Bruxelas, en nome do Goberno galego, o premio á Rexión Emprendedora Europea 2025. Así, viuse recoñecida a proposta autonómica para desenvolver actividades empresariais e, en consecuencia, proxectos de vida que contribúan a fixar poboación nas catro provincias.

Compromiso da Xunta

Para toda persoa moza que queira emprender, o titular de Emprego lembrou ferramentas dispoñibles como a Rede de polos de emprendemento, con 13 centros activos que teñen atendido máis de 2.000 iniciativas. Por sectores, predominan os servizos, seguidos da hostalaría e de actividades de comercio. En total, realizáronse máis de 5.600 titorías, preto de medio milleiro de reunións con entidades do territorio e case 250 accións entre formacións e eventos.

Tamén aludiu a programas específicos para a xuventude como o de 1ª experiencia profesional, co que se prevé incorporar entre 250 e 410 persoas en toda Galicia, ás que se lles ofrece a oportunidade de acceder a contratos de formación e de recibir cualificación en competencias brandas. Demostrando que Galicia cumpre, haberá case 4,2 millóns de euros en axudas para a contratación de mozas e mozos tanto con titulación como sen cualificación acreditable, a tempo completo e por un período de doce meses. O prazo de solicitude está aberto ata o 30 de setembro.

O conselleiro tamén se referiu e medidas como a ferramenta EMi de intelixencia artificial que se vén de reforzar nas oficinas de emprego e que permitirá que máis de 70.000 persoas se beneficien do perfilado competencial que busca mellorar o encaixe das persoas demandantes nas arredor de 15.000 vacantes laborais existentes en Galicia.   

Potenciando medidas coma estas e implementando outras novas, concluíu González, o obxectivo do Goberno autonómico é firme: acompañar e apoiar os emprendedores, as empresas que xeran emprego de calidade e as persoas traballadoras para seguir facendo crecer Galicia, incluídas as novas xeracións que hoxe rematan formación para comezar outra etapa vital máis importante se cabe.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2024