Villares enxalza o Camiño de Santiago como canle de difusión da cultura mariñeira e gastronómica galega

Vigo, 23 de xuño de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destaca o Camiño de Santiago como canle excepcional de difusión da cultura mariñeira e gastronómica galega na que a dieta atlántica xoga un papel protagonista grazas á riqueza, variedade e sabor da despensa mariña de Galicia. Así o manifestou na recepción a 40 peregrinos da Asociación Amigos do Camiño do Mar que remataron este domingo a ruta Xacobea iniciada en Ribadeo. O responsable autonómico sinalou que o trazado do Camiño do Mar, que une o Camiño do Norte e o Inglés e que percorre 15 concellos costeiros do norte da comunidade, supón un atractivo máis para este itinerario cultural e relixioso á vez que axuda a dinamizar e diversificar as economías locais.

Nesta liña recordou a campaña Camiño Gastronómico do Mar, impulsada pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela e a Asociación de Amigos do Camiño do Mar, composta por sete etapas ao final das cales os participantes podían degustar dúas receitas a base de produtos da lonxa de Burela a cargo da Asociación de Cociñeiros de Lugo. Unha iniciativa que permitiu divulgar e reivindicar o trazado do Camiño do Mar, e á vez promocionar as especies capturadas pola frota de altura de Burela cunha selección das principais especies pesqueiras como a pescada do pincho, peixe espada, o rape ou o chicharro así como exaltar hábitos de vida saudables como son a práctica de deporte e manter unha dieta equilibrada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2024