A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, foi recibida polo alcalde da localidade, Antonio Pereiro

A Xunta financia con 40.000 € a compra dun vehículo adaptado para o concello de Tordoia

O Goberno galego concedeulle a contía máxima no marco da orde de axudas dun millón de euros da que se beneficiaron unha trintena de municipios

Tordoia (A Coruña), 23 de xuño de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá o concello de Tordoia para dar conta da orde de axudas para a adquisición de vehículos adaptados da que se beneficiou esta localidade. A Xunta concedeulle 40.000 €, a máxima achega posible.

Fabiola García foi recibida polo alcalde, Antonio Pereiro, e por algúns dos usuarios deste vehículo. O concello emprégao para poder trasladar a persoas maiores e con dificultades na mobilidade a citas en servizos públicos como o centro de saúde, entre outras necesidades.

O Goberno galego destinou un total dun millón de euros para esta orde de axudas para a adquisición de vehículos adaptados e de emisión cero, eco ou etiqueta C verde para atención nos servizos sociais. Beneficiáronse unha trintena de concellos de ata 10.000 habitantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2024