A Xunta aposta pola formación dos profesionais do mar para o desenvolvemento do pescaturismo e o turismo mariñeiro

Noia (A Coruña), 21 de xuño de 2024

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, participou na entrega de diplomas no Casino de Noia dos cursos de turismo mariñeiro para marisqueo a pé e pesca turismo que impartiu o Galp Costa Sostible desde febreiro ata maio. As accións formativas foron realizadas en horario de mañá e de tarde co obxectivo de facilitar a asistencia en función da dispoñibilidade dos asistentes, participando un total de 76 persoas en ambas formacións, 18 nos de pesca turismo e 58 nos de turismo mariñeiro para marisqueo a pé.

Por un lado, foron realizados catro cursos dirixidos ao marisqueo a pé, a metade para ás mariscadoras de Muros e a outra metade para as profesionais de Noia. Os mesmos consistiron en 20 horas de formación teórica e unha visita práctica para ver o desenvolvemento de unha actividade de turismo mariñeiro, neste caso a Amar Carril, e seis horas de titorías especializadas para o deseño dunha posible actividade de turismo mariñeiro. Tamén se realizaron outros dous cursos, un para os traballadores do mar de Noia e outro para os de Muros, sobre pesca turismo seguindo o mesmo esquema. Nesta ocasión a visita práctica foi o embarque como turistas nunha embarcación na que se ven desenvolvendo esta actividade. Así todo, hai dous participantes que xa amosaron a súa intención de desenvolver esta actividade de cara ao próximo verán.

A través destes cursos os participantes adquiren coñecementos para poñer en práctica  actividades complementarias á actividade principal da pesca como son a pesca turismo e o turismo mariñeiro. Estas actividades non só proporcionan un ingreso adicional, senón que tamén permiten diversificar a economía local, reducir a presión sobre os recursos mariños e promover unha maior sustentabilidade nas nosas prácticas pesqueiras. Ao compartir o noso coñecemento e cultura con visitantes, fortalécese a conexión entre a comunidade pesqueira e a sociedade, xerando un impacto positivo na conservación da nosa contorna e na valorización do noso patrimonio marítimo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2024