Xunta e sindicatos constitúen a comisión negociadora do plan de igualdade para o persoal docente

É o punto de partida para a redacción deste documento para avanzar na eliminación de calquera tipo de discriminación neste ámbito laboral

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2024

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, reuniuse hoxe coas organizacións sindicais da mesa sectorial do ensino para constituír a Comisión Negociadora do Plan de igualdade para o persoal docente. É o punto de partida para a redacción deste documento para avanzar na eliminación de calquera tipo de discriminación neste ámbito laboral.

A comisión ten entre as súas funcións a negociación e elaboración da diagnose e das medidas que integrarán o Plan de igualdade, a identificación das medidas prioritarias, os ámbitos de aplicación e os medios materiais e humanos necesarios para a súa implantación. Así mesmo, impulsará accións de información e sensibilización para a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes.

Entre outros eidos, abordaranse as accións necesarias para garantir a igualdade de oportunidades nos procesos de selección e contratación, clasificación profesional, formación, condicións e valoración de postos de traballo.

Así mesmo, promoverase o exercicio corresponsable dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral, a prevención de condutas contra a liberdade sexual e a integridade moral no traballo e impulsaranse as medidas de prevención e actuación en caso de violencia de xénero, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2024