A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou as instalacións de Vertex Bioenergy, co gallo da adhesión da empresa á Alianza galega polo clima

Galicia avanza cara á neutralidade climática a un ritmo tres veces maior que a media de España e Europa

Ángeles Vázquez salienta que,  desde a aprobación, en 2019, da Estratexia galega de cambio climático e clima 2050, as emisións netas de gases de efecto invernadoiro baixaron en Galicia un 19,5%  

Salienta o compromiso ambiental de Vertex Bioenergy e pon en valor o seu apoio á Alianza galega polo clima, que suma xa máis de 140 entidades adheridas

O obxectivo desta iniciativa é conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática

Curtis (A Coruña), 21 de xuño de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor que Galicia avanza cara á neutralidade climática a un ritmo tres veces maior que a media de España e da Unión Europea.

Durante a súa visita ás instalacións de Vertex Bioenergy, co gallo da adhesión desta empresa á Alianza galega polo clima, a conselleira salienta que,  desde a aprobación, en 2019, da Estratexia galega de cambio climático e clima 2050 (EGCCE 2050), as emisións netas de gases de efecto invernadoiro baixaron en Galicia un 19,5%, “tres veces máis que a media española (6%) e que a europea (6,1%)”.

Nesa liña, logo do desenvolvemento de 139 medidas e do investimento de 1.140 millóns de euros, o Goberno galego aprobou esta mesma semana na reunión do Consello a  elaboración dun novo plan rexional integrado de clima e enerxía 2024-2030 para continuar co desenvolvemento da EGCCE 2050 e consolidar a posición da Comunidade como referente na loita contra o quecemento global.

“Estamos facendo o que a cidadanía espera dos seus representantes políticos, que poñan en marcha medidas tanxibles, medibles e comparables, que dan resultados”, aseverou Ángeles Vázquez, quen subliñou que, de cara a seguir progresando na resiliencia da Comunidade, é necesario o apoio e compromiso de todos os axentes da sociedade.

Adhesión de Vertex Bioenergy á Alianza galega polo clima

Así, tal e como lembrou a conselleira, a Xunta promoveu en 2022 a Alianza galega polo clima, co obxectivo de conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.

De feito, esa iniciativa, que conta xa con máis de 140 entidades adheridas -universidades, autoridades portuarias, clubs deportivos ou empresas-, sumou hoxe o apoio de Vertex Bioenergy, que é líder na produción de bioetanol en España. Cómpre indicar que este biocombustible reduce as emisións de gases de efecto invernadoiro en máis dun 70% con respecto aos combustibles fósiles, o que o converte nun instrumento efectivo na descarbonización do sector do transporte.

Logo de asinar o convenio de adhesión co CEO de Vertex Bioenergy, Antonio Vallespir, a responsable autonómica puxo en valor o compromiso ambiental desta empresa e a súa disposición a formar parte desta iniciativa que pretende, entre outras cuestións, o establecemento de accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático, o fomento de intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica e xurídica neste eido, a promoción da investigación vencellada co clima e a difusión de tecnoloxías para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.

Vertex Bioenergy posúe catro instalacións de produción de bioetanol en España e Francia, cunha capacidade total de produción anual de 780 Ml, incluídas as unidades de alcol vínico. Ademais ten unha capacidade de produción de materias primas para pensos para a alimentación animal de 505.000 t anuais e 575.000 MWh de electricidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2024