A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, clausurou este mediodía a Asemblea Xeral do Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia

Lorenzana manifesta o apoio da Xunta a toda o cadea de valor asociada á construción en madeira para seguir fortalecendo o sector forestal en Galicia

Empraza ás empresas e axentes do sector a apostar pola innovación e pola investigación para ser quen de finalizar todo o ciclo produtivo da madeira en Galicia. “Ese ten que ser o reto que nos temos que marcar e iso pasa por traballar a competitividade e as posibilidades da industrialización do sector forestal”, di

Sinala que o reforzo da estrutura da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) é síntoma de que o compromiso da Xunta co sector está “absolutamente intacto”

Avanza que o Proxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que se debate no pleno a próxima semana, inclúe a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe a Asemblea Xeral do Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia, onde puxo de manifesto o apoio da Xunta a todo o ecosistema asociado á construción en madeira para seguir fortalecendo o sector forestal.

Na súa intervención, Lorenzana cualificou a cadea forestal-madeira como un sector “importantísimo” para a economía e a industria de Galicia, “desde o punto de vista do emprego, da xeración económica pero, tamén, desde o punto de vista da sustentabilidade, o mantemento e a posta en valor dos bosques galegos”, dixo.

A conselleira sinalou que o plan director do sector forestal, cuxa aprobación está prevista para finais deste ano, vai facer fincapé na colaboración que industria e  Administración autonómica veñen mantendo e vai sentar as liñas mestras para facer fronte aos retos e oportunidades que este sector ten por diante. 

Ao respecto, Lorenzana emprazou ás empresas e axentes do sector a apostar pola innovación e pola investigación para ser quen de finalizar todo o ciclo produtivo da madeira en Galicia. “Ese ten que ser o reto que nos temos que marcar e iso pasa por traballar a competitividade e as posibilidades da industrialización do sector forestal”, abondou.

Segundo dixo, o reforzo da estrutura da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) é síntoma de que o compromiso da Xunta co sector está “absolutamente intacto”. Neste sentido, explicou que se impulsa a investigación, por iso o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán pasa a depender da Xera, “para que o recurso dea cada vez máis posibilidades”, explicou.

E tamén considerou moi importante a creación da Área de información forestal da que van depender todos os labores de inventariado e de creación dun mercado voluntario de créditos de carbono, incluído no Proxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que se debate no pleno a próxima semana. “Estamos traballando de xeito paralelo no regulamento que vai permitir que sexa efectivo e realidade”, avanzou.

Esta iniciativa dará oportunidade aos gandeiros galegos e galegas para obter un rendemento económico coa redución das súas emisións, servirá para impulsar un mercado ligado á xestión forestal sostible e activa, e contribuirá a que a madeira en construción abarate os seus custos incorporando neste mercado da Xunta de Galicia o secuestro de carbono.

Finalmente, Lorenzana destacou a importancia da formación e de trasladar ás xeracións máis novas a oportunidade que teñen de formarse en sectores produtivos en crecemento en Galicia , porque a industria necesita innovación e talento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2024