A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde da localidade, Julio César García-Luengo, visitou este centro, a escola infantil e a Casa do Concello

A Xunta inviste medio millón de euros para ampliar a residencia municipal de Crecente e crear 18 novas prazas

Esta actuación enmárcase no Plan de Investimentos de 18,5 millóns de euros co que o Goberno galego financia unha vintena de proxectos de construción e reforma de instalacións municipais

O concello tamén recibiu case 50.000 euros en axudas para mellorar a accesibilidade da Casa Consistorial

Crecente (Pontevedra), 21 de xuño de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde da localidade, Julio César García-Luengo, e da vicepresidenta segunda da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, visitou a residencia municipal de maiores San Pedro. A Xunta investirá 500.000 euros nas obras de ampliación deste centro para crear 18 novas prazas e pasar así das 38 actuais a 56.

Esta actuación desenvólvese no marco do Plan de Investimentos de 18,5 millóns de euros co que o Goberno galego financia unha vintena de proxectos de construción, reforma ou ampliación de residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais que dependen dos concellos. Un plan acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e dotado con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU).

Antes de visitar a residencia e a escola infantil da localidade, a conselleira inaugurou os locais sociais e o salón de actos da Casa Consistorial, tralas obras de adaptación e acondicionamento para mellorar a súa accesibilidade. Os traballos financiáronse con case 50.000 euros da liña de axudas da consellería para este fin. A Deputación de Pontevedra achegou outros case 50.000 euros ao abeiro dun plan de obras xerais para concellos.

Compromiso cos servizos públicos

Na inauguración destas instalacións, Fabiola García destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa universalidade e a proximidade dos servizos públicos, do berce ao bastón e ata o último recuncho de Galicia. Un modelo de atención e coidados que en Crecente se traduce en programas como o Bono Residencia, o Bono Coidado ou o Servizo de Axuda no Fogar, dos que se benefician decenas de veciños da localidade.

Este modelo pasa, ademais, por unha cada vez maior oferta de prazas públicas en centros de día e residencias, que xa ascende a máis de 15.000 en toda Galicia. Nos primeiros cen días de goberno, o presidente Rueda cumpriu coa posta en marcha de mil novas prazas que avanzara durante a campaña electoral.

Os veciños de Crecente e dos concellos da contorna contan, ademais, cunha unidade de atención temperá con arredor de 170 prazas. Tamén cunha escola infantil con capacidade para unha vintena de cativos, o que supón que as súas familias desfrutan da aposta do Goberno galego pola gratuidade da atención dos nenos de 0 a 3 anos.

O curso que vén, 2024-2025, será o terceiro no que o 100% das escolas infantís de Galicia –sexa cal sexa a súa titularidade: pública, municipal ou autonómica, de entidades sociais, ou privadas– ofrecerá coidados totalmente de balde durante oito horas ao día e once meses ao ano. Unha medida na que a nosa comunidade foi pioneira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2024