A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, participou hoxe na reunión do Observatorio da Vivenda de Galicia

A Xunta concedeu axudas á vivenda por importe de 286 millóns de euros entre 2021 e 2023

Os 286 millóns concedidos en axudas facilitaron o acceso á vivenda a preto de 13.600 familias e impulsaron a rehabilitación de preto de 36.000 vivendas existentes

Concedéronse préstamos do fondo de cooperación para 66 actuacións de concellos interesados na rehabilitación do seu patrimonio

Destaca a 94% de execución do orzamento do IGVS no 2023, estando xa executadas ou en execución o 93% das medidas previstas no Pacto de Vivenda de Galicia

Martínez Allegue incide na “total dedicación” da Xunta para acadar 8.000 vivendas públicas e desenvolver solo para 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres nesta lexislatura

Anuncia a autorización do Consello da Xunta do incremento dos módulos das vivendas de promoción privada para actualizalos conforme o incremento dos custes de construción

Fai fincapé no impulso para renovar e actualizar o pacto da Vivenda, convidando a ir traballando xa nos novos retos a afrontar a través do próximo pacto

Santiago de Compostela 21 de xuño de 2024

A Xunta concedeu axudas en materia de vivenda por importe de 286 M€ desde a sinatura no 2021 do Pacto pola Vivenda de Galicia. Así o indicou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na reunión do Observatorio da Vivenda de Galicia que tivo lugar hoxe na sede do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

Nesta reunión fíxose balance da execución das medidas incluídas no Pacto de Vivenda e presentáronse as estratexias da Xunta de Galicia para acadar 8.000 vivendas públicas e desenvolver solo para 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres na actual lexislatura.

No detalle do balance, os 286 millóns concedidos en axudas desde 2021 facilitaron o acceso á vivenda a preto de 13.600 familias e promoveron a rehabilitación de preto de 36.000 vivendas existentes, segundo se indicou na reunión. Ademais, concedéronse préstamos do fondo de cooperación para 66 actuacións de concellos interesados na rehabilitación do seu patrimonio.

Estas cifras, tal e como destacou a conselleira, son posibles grazas ao elevado porcentaxe de execución do orzamento do IGVS, que acadou preto de 84 por cento en 2021, preto do 80 por cento en 2022 e o 94 por cento en 2023.

Polo que respecta ás medidas previstas no Pacto de Vivenda de Galicia, xa están en executadas ou en execución o 93 por cento do total.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2024