A Xunta apoia a tradicional festa do Becerro ao espeto da Piringalla, que contará de novo coa colaboración de ACRUGA

Lugo, 21 de xuño de 2024

A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, e o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitaron os preparativos da XXIII edición do Lumenovo, a auténtica festa do Becerro ao espeto, que se celebrará no barrio da Piringalla este domingo.

No encontro estivo presente unha nutrida representación da Asociación de Veciños, co seu presidente, Ricardo Varela á cabeza, xunto a César Dorado, presidente de ACRUGA. Esta entidade doa un dos becerros que serán degustados por todos os veciños que se acheguen na noite de San Xoán. Este becerro súmase a outro cedido, ambos da IXP Ternera Gallega, co obxectivo de impulsar a carne galega de calidade diferenciada.

A cita do domingo comezará ás 20.30 horas coa distribución das racións de becerro, pementos e bebidas. A partir das 22.00 horas haberá verbena coa orquestra Súper Top e a medianoite prenderase a fogueira do San Xoán.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2024