A Xunta apoia a ‘Dano Cerebral Galicia’ nas súas demandas para mellorar a calidade de vida das persoas con esta discapacidade e das súas familias

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, apoiaron hoxe a entidade na sede da Valedora do Pobo, onde presentaron as súas demandas para esta lexislatura

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2024

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, apoiaron hoxe o movemento asociativo do dano cerebral adquirido en Galicia, que acudiu á sede da Valedora do Pobo para presentar as súas demandas para a lexislatura 2024-2028. O acto tamén serviu para difundir a marca común Dano Cerebral Galicia, ata agora coñecida como Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace), que seguirá agrupando a todas as entidades relacionadas coa mellora da calidade de vida das persoas con esta discapacidade e das súas familias. 

Este ano, a Consellería de Política Social e Igualdade destina 96 millóns de euros ao concerto social anual co que financia acordos coas entidades relacionadas coa discapacidade para mellorar e achegar á contorna das súas persoas usuarias os servizos e a atención que necesitan.

Así mesmo, a finais do pasado maio, o Consello da Xunta deu luz verde a senllos convenios con Down Galicia, Autismo Galicia e Dano Cerebral Galicia por un importe total de 1,7 millóns de euros. A través destes acordos, estímase que se prestará atención a unhas 6.500 persoas. Como é habitual neste tipo de convenios, a Xunta adianta o 80% da contía da achega para que as entidades conten desde o primeiro momento coa liquidez suficiente para seguir prestando o seu labor e desenvolvendo os seus programas de atención.

Pola súa banda, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración leva convocado este ano case 39 millóns de euros en axudas para apoiar a creación e consolidación de entidades da economía social e para impulsar o emprego inclusivo. Entre elas, a orde por 25,75 millóns de euros para favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia.

Cómpre engadir que está vixente a segunda Estratexia da Economía Social Horizonte 2027 coa que se aspira a impulsar a cohesión social e do territorio, xerando emprego inclusivo, igualitario e solidario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2024