A Policía Autonómica e a UIFO esclarecen un incendio forestal en Val do Dubra

O lume produciuse durante a realización de traballos agroforestais cun tractor con rozadora de martelos sen as medidas de seguridade necesarias  

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2024

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Santiago e da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural veñen de esclarecer un incendio forestal rexistrado o pasado 5 de xuño que se iniciou no concello de Val do Dubra, se ben o territorio afectado pertencía ao municipio de Santa Comba.

O lume afectou catro hectáreas de monte arborado. Os axentes comprobaron que a orixe do lume debeuse á realización de tarefas agroforestais cun tractor con rozadora de martelos e sen as medidas de seguridade precisas. A fricción do apeiro coas pedras do terreo propiciou que o lume prendera na vexetación.

A Policía Autonómica tomou declaración como investigada á persoa responsable dos traballos agroforestais e trasladou as dilixencias por estes feitos ao Xulgado de Instrución de Garda de Ordes.

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas un total de sete persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Data de actualización: 21/06/2024