Galicia e as rexións europeas amosan o seu compromiso con zonas rurais máis dinámicas e atractivas

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou no pleno do Comité Europeo das Rexións, no que os membros se sumaron ao diálogo sobre o futuro da agricultura na UE

Galicia recibiu o premio á Rexión Europea Emprendedora 2025 pola súa capacidade de promover unha estratexia empresarial innovadora e de loitar contra os desafíos das zonas rurais

Na sesión plenaria tamén se debateron outras cuestións, como iniciativas para vixiar a saúde dos solos europeos, promover a xestión sostible da auga ou impulsar a innovación e a investigación a nivel local e rexional

Bruxelas, 20 de xuño de 2024

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou hoxe a Galicia na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR). O Goberno galego presentou nesta ocasión sete emendas para un total de dez ditames.

De entre eles, o máis destacado foi o relativo ao futuro da Política Agrícola Común europea (PAC), que aborda os futuros cambios que se deberían introducir para apoiar de maneira máis eficaz os agricultores, á vez que promove unha actividade agrícola máis sostible e unhas zonas rurais máis atractivas e dinámicas.

Neste eido, Galicia intenta impulsar a actividade agrícola e reverter o despoboamento das zonas rurais mediante medidas de promoción da remuda xeracional do sector. En palabras do director xeral, que puxo de relevo a estratexia galega, "é crucial apoiar a mocidade para que acceda a coñecementos e actividades rendibles”.

Outras cuestións de importancia para Galicia

Ademais do relativo ao futuro da PAC, a Xunta tamén presentou emendas a outros dous ditames relevantes para a nosa rexión: un sobre a proposta lexislativa destinada a crear un marco obrigatorio de avaliación da saúde do solo na UE e outro sobre o chamamento a establecer un Pacto Azul Europeo co que protexer os recursos hídricos e evitar a súa escaseza e contaminación.

A este respecto, os membros do CdR subliñaron o papel dos entes locais e rexionais como xestores da auga e das políticas ambientais no terreo, e sinalaron a urxencia de converter a resiliencia hídrica nunha prioridade estratéxica para o próximo mandato da Comisión Europea. 

Outro dos puntos destacados do pleno foi o debate centrado en mellorar o apoio á innovación e a investigación nas rexións europeas, que contou coa participación de Iliana Ivanova, comisaria de Innovación, Investigación, Cultura, Educación e Xuventude, e Elisa Ferreira, comisaria de Cohesión e Reformas. A reflexión centrouse no potencial dos vales de rexionais de innovación -unha iniciativa conxunta da política de cohesión europea e o programa Horizonte Europa que busca fortalecer os ecosistemas de innovación rexionais- para potenciar o desenvolvemento territorial sostible e competitivo na UE.

Galicia, Rexión Emprendedora Europea 2025

No marco desta última sesión plenaria Galicia recibiu, xunto con outras dúas rexións europeas, o premio Rexión Emprendedora Europea 2025 que recoñece a aposta da Xunta por desenvolver o potencial da comunidade a través de actividades empresariais que contribúan a fixar poboación. 

Este galardón foille entregado ao conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e pon en valor a estratexia de política empresarial galega como unha das máis destacadas e innovadoras de Europa, polo seu potencial para impulsar dunha maneira viable e a longo prazo o emprendemento e o crecemento económico sostible. Na entrega de premios, o presidente do CdR, Vasco Alves Cordeiro, destacou o compromiso da Xunta na loita contra o envellecemento e o despoboamento, mediante o fomento do espírito empresarial nas zonas rurais.

Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2024