A Xunta reitera ao Goberno que prorrogue a entrada en vigor ou amplíe os prazos da nova normativa de ascensores para poder cumprir as exixencias establecidas

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético participou hoxe nunha xornada convocada pola Asociación Empresarial Galega de Ascensores (Aega) para abordar os detalles da nova Instrución Técnica Complementaria de ascensores aprobada polo Goberno do Estado e que entrará en vigor o vindeiro 1 de xullo

Tanto a Xunta como a asociación, coincidiron na necesidade de que se dea máis tempo aos organismos de control para levar a cabo as inspeccións pendentes posto que, a poucos días de que entre en vigor o decreto, aínda quedan en Galicia preto dun 8% de ascensores, case 5.000, sen a revisión pertinente, de acordo cos datos da Aega

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, reiterou hoxe ao Goberno que prorrogue a entrada en vigor ou amplíe os prazos da nova regulación de ascensores para dar tempo ao sector e ás administracións a cumprir coas exixencias establecidas.

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético participou hoxe nunha xornada convocada pola Asociación Empresarial Galega de Ascensores (Aega) para abordar os detalles da nova Instrución Técnica Complementaria de ascensores aprobada polo Goberno do Estado, publicada no BOE o pasado 13 de abril e que entrará en vigor o vindeiro 1 de xullo.

Segundo estimacións da propia asociación, a normativa afecta en Galicia máis de 65.000 ascensores e, entre as principais modificacións que introduce, figura a obriga de deixar fóra de servizo aqueles aparellos que non teñan a inspección en regra unha vez que a normativa entre en vigor.

Tanto a Xunta como a asociación, coincidiron na necesidade de que se dea máis tempo aos organismos de control para levar a cabo as inspeccións pendentes posto que, a poucos días de que entre en vigor o decreto, aínda quedarían en Galicia preto dun 8% de ascensores, arredor de 5.000, sen a revisión pertinente, de acordo aos datos da Aega.

A Administración autonómica e a Asociación Empresarial Galega de Ascensores recoñeceron a necesidade de afondar na seguridade destes equipamentos en España, pero reiteraron a urxencia de contar con tempo suficiente para abranguer todo o parque de ascensores en Galicia, posto que os dous meses e medio transcorridos desde a publicación da normativa no BOE foron insuficientes.

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético volveu trasladar todo o apoio da Xunta ao sector e a súa disposición a seguir colaborando.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2024