O director de Augas de Galicia interveu esta mañá no XV Congreso español de tratamento de augas na cidade da Coruña

A Xunta aposta por aproveitar a nova Lei do ciclo integral da auga para impulsar a profesionalización do sector e da xestión dos recursos hídricos

Roi Fernández defende incorporar á xestión da auga unha visión global que inclúa todas as fases do ciclo e os seus usos e implique ao conxunto dos axentes implicados

Expón as 12 medidas que ten en marcha a Administración autonómica co reto de profesionalizar o sector en Galicia co apoio da tecnoloxía e a innovación

A Coruña, 20 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia aposta por aproveitar a base xurídica que ofrece a nova Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, aprobada no ano 2022, como ferramenta útil e eficaz para impulsar a profesionalización do sector e da xestión dos recursos hídricos na comunidade.

Así o salientou esta mañá o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, durante a súa intervención no XV Congreso español de tratamento de augas que se celebra desde onte na cidade da Coruña e que finalizará mañá, venres.

Tras defender o fito que supuxo a entrada en vigor da referida lei, o responsable do organismo autonómico defendeu a necesidade e as vantaxes de incorporar á xestión dos recursos hídricos unha visión global na que se inclúan as distintas fases do ciclo da auga e dos seus usos (captación, tratamento, depuración...), así como ao conxunto dos axentes implicados e da sociedade en xeral.

Neste sentido, incidiu en que, precisamente, a dobre función de Augas de Galicia como administración autonómica que exerce na comunidade as funcións propias da xestión do ciclo da auga en saneamento e abastecemento e como organismo de conca responsable da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, dálle unha perspectiva global sobre a xestión moi útil, xa que axuda a analizar as necesidades de mellora dun xeito integral.

Ao respecto, Fernández explicou que factores como o cambio climático, a escaseza de recursos para cubrir a demanda hídrica crecente, a necesidade de mellorar o estado dos ecosistemas acuáticos, a distribución equitativa dos recursos, a participación cidadá e a colaboración entre os diferentes actores do sector requiren dunha perspectiva profesional avalada polos últimos avances tecnolóxicos, a investigación e a innovación.

A tal fin, indicou que a Administración autonómica, a través de Augas de Galicia, emprendeu hai anos un “camiño de profesionalización da xestión do sector” desde o convencemento de que esta é a vía máis eficaz para optimizar o uso dos recursos hídricos e garantir á vez a menor afección posible aos ecosistemas acuáticos a través dun aproveitamento viable e sostible no tempo.

Concretamente, o director do organismo público expuxo as 12 medidas nas que se poden resumir as actuacións que ten en marcha Augas no marco da súa estratexia para avanzar nesa dirección, moitas das cales teñen a súa orixe e base legal na Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga.

Así, referiuse aos pasos dados para mellorar a nivel de gobernanza e planificación da xestión, aclarando os obxectivos e responsabilidades de cada administración implicada na xestión da auga, o apoio técnico e económico aos concellos como administracións que ostentan as maiores competencias en relación ao ciclo do uso da auga ou accións que permitan coñecer mellor o medio hídrico e todas as fases do ciclo da auga mediante sistemas de dixitalización e monitorización.

Ademais, foméntase tamén o intercambio de información e a colaboración neste eido entre as distintas administracións e impúlsanse diferentes tipos de accións para reforzar a formación do persoal implicado na xestión destes recursos e campañas de divulgación e sensibilización social.

Data de actualización: 20/06/2024