Xunta e Concello de Ames avanzan na planificación do novo colexio de Milladoiro, cuxa obra está previsto licitar en xullo

Román Rodríguez e Blas García manteñen unha xuntanza de traballo para coordinar as actuacións que a Xunta de Galicia realizará no Concello de Ames

A Administración autonómica está a investir actualmente máis de 13,5M€ na mellora de infraestruturas educativas en Ames

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e FP, Román Rodríguez, e o alcalde de Ames, Blas García, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo en San Caetano para abordar a planificación da construción do novo Colexio CEIP de Milladoiro. No encontro tamén participaron a concelleira de Educación, Carmen Porto, e o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila.

Esta reunión ten lugar co propósito de coordinarse Xunta de Galicia e Concello de Ames para afrontar as tres grandes actuacións que se están a facer no municipio, comezando pola nova infraestrutura na que o Goberno galego investirá 10,1 millóns de euros.

Román Rodríguez trasladoulle ao rexedor e á concelleira que o departamento autonómico ten previsto licitar a obra no próximo mes de xullo, coa estimación de poder iniciar os traballos a principios de 2025 e que o novo colexio estea operativo no inicio do curso 26/27. 

O centro, que acollerá a 450 alumnos e permitirá atender as necesidades educativas dunha poboación en aumento, será o primeiro colexio construído en base ás pautas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que deseña espazos educativos máis abertos, flexibles, sustentables, intelixentes e integrados na contorna. 

As tres actuacións que a Consellería está a realizar no Concello de Ames acadan un investimento de máis de 13,5M€. Entre estas obras cómpre destacar a ampliación do Colexio CEIP Agra do Muíño, por 3,3M€, cuxas obras van por bo camiño, cun 65% das mesmas xa executadas. Está tamén a piques de comezar a execución do cambio de cuberta do Colexio CEIP de Barouta, no que o Executivo autonómico inviste 150.000 euros. En ambos casos, a previsión é que en setembro estean as obras rematadas. 

García puxo enriba da mesa a posibilidade de conveniar coa Xunta de Galicia o uso dos espazos educativos, cando non estean prestando servizo aos centros, para así aproveitar ao máximo as instalacións.

Data de actualización: 20/06/2024