A segunda Estratexia da Economía Social da Xunta aspira a xerar máis emprego inclusivo, igualitario e solidario en Galicia

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, pechou hoxe en Santiago de Compostela a xornada Trazando Camiños organizada pola Asociación de Dano Cerebral de Compostela (Sarela)

Destacou o apoio da Administración autonómica ás persoas e entidades que traballan a favor das persoas con discapacidade

O Goberno galego inviste este ano 25,75 millóns de euros para favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade nos 130 centros especiais de emprego

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, puxo en valor hoxe a aposta da Xunta polo emprego inclusivo no peche da xornada Trazando Camiños: oportunidades e aprendizaxes arredor da orientación especializada en persoas con dano cerebral adquirido, que tivo lugar en Santiago e estivo organizada por Sarela, a Asociación de Dano Cerebral de Compostela.

A iniciativa busca reflexionar e poñer en común experiencias de inclusión sociolaboral no terceiro sector co obxectivo de crear ferramentas e estratexias para mellorar as taxas de emprego das persoas con dano cerebral. Neste eido, a Xunta está a desenvolver a segunda Estratexia da Economía Social Horizonte 2027 coa que se aspira a impulsar a cohesión social e do territorio, xerando emprego inclusivo, igualitario e solidario.

A economía social, en palabras de Mariño, crea emprego inclusivo e, por iso, o Goberno galego aposta por este modelo económico e porque, ademais, xera riqueza no territorio e axuda a fixar poboación no rural. “A nosa aposta polo emprego inclusivo tamén se pon de manifesto no apoio ás entidades que traballan coas persoas máis vulnerables”, destacou e lembrou neste eido os diferentes programas de axudas que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten en marcha. Recordou que este ano estanse a investir 25,75 millóns de euros para favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade nos 130 centros especiais de emprego (CEE) rexistrados en Galicia. Esta iniciativa supón un incremento de case un 7% con respecto ao orzamento da última convocatoria anual, a de 2021-2022.

Grazas á nova orde de achegas, o Goberno galego prevé beneficiar case 4.000 persoas traballadoras con discapacidade e crear máis de 145 postos de traballo indefinido. Ademais, contrataranse 160 profesionais para dar apoio nos centros a 800 persoas con especiais dificultades para acceder ao mercado de traballo.

Con esta iniciativa o Goberno galego está a favorecer a integración laboral de persoas con discapacidade no sistema produtivo a través dos centros especiais de emprego, un mecanismo que pode servir de tránsito ao seu paso ao mercado ordinario de traballo.

Nos últimos 14 anos, o número de persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia triplicouse, pasando das 1.296 persoas de 2009 ás case 4.000 de 2023.

Outras iniciativas para impulsar o emprego inclusivo en Galicia son as axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, cun crédito ampliado a 1,5 millón de euros; así como o programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego (CEE) por importe de 6 millóns de euros.

Mariño sinalou, ademais, o proceso de escoita activa que está a reforzar a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración coas entidades da discapacidade para seguir impulsando o emprego inclusivo e indicou o apoio da Xunta ás demandas do colectivo na tramitación da nova Lei estatal de economía social co propósito de afianzar esta fórmula empresarial solidaria en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2024