O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a xerente de Relacións Institucionais de Fundación Repsol, Mercedes Gómez, anuncian a nova edición

A Xunta e a Fundación Repsol fomentan a literatura galega coa XVIII edición do Premio Narrativa Breve

Este galardón inclúe a publicación da novela coa Editorial Galaxia e unha contía económica de 12.000 euros

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia e a Fundación Repsol veñen de poñer en marcha unha nova edición do Premio Narrativa Breve en lingua galega. A será a súa décimo oitava edición deste galardón ponse en marcha tras a reunión mantida entre o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a xerente de Relacións Institucionais de Fundación Repsol, Mercedes Gómez.

O obxectivo desta iniciativa que ofrece a posibilidade do gañador de publicar a súa obra coa Editorial Galaxia e unha dotación económica de 12.000 euros é promover e reforzar a creación literaria en galego para dar a coñecer novos escritores. Tal e como salientou o titular da Consellería, “na nosa Comunidade  máis do 60% da poboación afirma ler en galego tanto de xeito habitual coma ocasional e iso é grazas á contribución de premios coma este, que xa contan con anos de traxectoria”. Neste senso, desde o nacemento deste premio no ano 2006, presentáronse máis de 500 obras orixinais, “isto denota o amplo volume de creación de obras na nosa lingua”, indicou o representante da Xunta.

Ademais do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e a xerente de Relacións Institucionais de Fundación Repsol, no encontro tamén participaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo.

Nesta edición, a convocatoria para enviar as obras estará aberta ata o próximo 31 de xullo e os autores deberán remitir textos orixinais e escritos en galego, tal e como establece a normativa da Real Academia Galega, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. Unha vez pechado o prazo, será un xurado o que decidirá a obra gañadora que se dará a coñecer no mes de setembro. Este tribunal estará composto por cinco membros, que representarán á Xunta de Galicia, á Fundación Repsol, á Real Academia Galega, á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Editorial Galaxia.

O Goberno galego colabora co Premio de Narrativa Breve desde o seu nacemento, no ano 2006, cando foi creado polo Complexo Industrial de Repsol. Esta iniciativa que fomenta a difusión da cultura e a lingua galegas, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como a colaboración coa Editorial Galaxia, que sempre edita as obras que acadan o galardón.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2024