A Xunta remite aos sindicatos as instrucións transitorias para regular a FP o próximo curso, á espera da normativa definitiva do Ministerio

O documento ten como obxectivo dar certezas a centros, docentes e alumnos diante do retraso do Goberno central

A Xunta segue traballando na elaboración do decreto galego de ordenación da FP e o seu desenvolvemento, que non se poderá concretar ata que se publique o estatal

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP remite hoxe ás organizacións sindicais as instrucións sobre a ordenación e a organización da Formación Profesional para o vindeiro curso en Galicia. Trátase dunha normativa que se aplicará ao vindeiro ano académico e que ten por obxectivo dar certezas a centros, profesorado e alumnado diante da aplicación da nova lei estatal de FP a partir de setembro e os cambios que leva consigo a nivel de formación práctica ou modificación de módulos formativos. Para a súa elaboración contouse coa colaboración de varios grupos de traballo conformados por 300 docentes.

As instrucións teñen carácter transitorio, dado que a ordenación debe ser regulada por un novo decreto que a Xunta está xa a preparar. De feito, iniciou os trámites preceptivos en xaneiro. Porén, o retraso acumulado de meses por parte do Ministerio á hora de publicar a normativa estatal (en concreto a modificación do Real Decreto 659/2023 polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de Formación Profesional), impide que o Goberno galego poida tramitar o decreto autonómico, dado que os seus detalles dependen do que o Ministerio estableza no real decreto nacional.

Deste xeito, as instrucións aplicaranse a partir de setembro ao primeiro curso dos ciclos formativos da oferta ordinaria, modalidade presencial e réxime xeral (é dicir, non inclúe nin a oferta modular nin a FP Dual intensiva) e aos cursos de especialización ou másteres de FP, segundo o calendario establecido polo Ministerio. Farase así unha transición progresiva que permita blindar o modelo de éxito da FP galega que leva funcionando 15 anos e que fai de Galicia un referente neste ámbito.

Novos módulos

Entre outros pormenores, as instrucións establecen os novos módulos que se incorporan no primeiro curso da oferta ordinaria e os seus currículos. Isto é, os módulos profesionais de Itinerario persoal para a empregabilidade I (Itinerario persoal para a empregabilidade no caso da FP de grao básico), de Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo e de Inglés Profesional. Así mesmo, e seguindo a normativa estatal, elimínase o módulo de Formación e orientación laboral.

Precisamente a distribución horaria do primeiro curso da oferta ordinaria e os currículos e contidos dos novos módulos constitúen unha das principais áreas arredor da que desenvolveron o seu labor os devanditos grupos de traballo. Isto permitiu elaborar un documento que recolle a organización dos módulos de primeiro curso para cada ciclo e os períodos semanais, que serven como orientación aos centros educativos.

Formación práctica

No referido á formación práctica, os ciclos poderán incorporar no primeiro curso un período de formación na empresa ou no organismo equiparado como parte integrada do currículo dos módulos profesionais, sempre e cando se cumpran as condicións establecidas nas instrucións. Representará como máximo 80 horas nos ciclos de grao básico e 200 horas nos ciclos de grao medio e de grao superior.

A fase de formación na empresa será determinada por cada centro en función das características da oferta formativa, das particularidades dos sectores produtivos ou da dispoñibilidade de postos formativos e das condicións do alumnado. En todo caso, a formación non realizada na empresa, por non se dar as características, será desenvolvida no centro.

Data de actualización: 20/06/2024