O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá a parcela onde se construirá o centro

A Xunta investirá 1,2 M€ na creación dunha residencia de maiores na Teixeira

A actuación enmárcase no Plan de Investimentos de 18,5 millóns de euros co que o Goberno galego financia obras de mellora e construción de instalacións municipais

A Teixeira (Ourense), 20 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia investirá 1,2 millóns de euros na creación dunha residencia municipal de maiores no concello ourensán da Teixeira. Estará situada no núcleo do concello ourensán e contará con 32 prazas repartidas entre 16 habitacións dobres.

A obra desenvolverase no marco do Plan de Investimentos de 18,5 millóns de euros co que o Goberno galego financia unha vintena de proxectos de construción, reforma ou ampliación de residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais de titularidade municipal. Un plan acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e dotado con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU).

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá a parcela onde se instalará o centro acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e do alcalde da Teixeira, Xosé Vázquez Rodríguez.

Antes da construción da residencia, procederase á urbanización da contorna, para dotala dos servizos necesarios. Despois erguerase a edificación nun único volume rectangular dunha planta. O acceso realizarase pola parte central, onde se instalará a zona de recepción e administración, ademais de dous aseos adaptados.

Ese espazo comunicará coa zona de día –constituída por unha sala polivalente, unha de convivencia e o comedor–, a zona médica –con áreas de rehabilitación, consulta, enfermaría, aseos e illamento–, a zona de persoal –con vestiarios, cuarto de instalacións, lixo, limpeza e cociña, ademais dun acceso adicional dende o exterior– e, por último, a zona de noite, coas 16 habitacións dobres, todas elas con baño independente.

O custo total da construción será de 2 millóns de euros, financiados na súa meirande parte pola Xunta de Galicia. O concello encargarase de achegar a contía restante, para o que está previsto que dispoña de colaboración económica por parte da Deputación de Ourense.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2024