A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, supervisou hoxe in situ a nova infraestrutura

A Xunta reabre a ponte de Ponte Arnelas tralas obras de reconstrución, cun investimento de 5,3 millóns de euros

Martínez Allegue destaca o resultado desta intervención que “contribuirá a mellorar o tráfico, con maior seguridade, entre os concellos, de Vilanova e Ribadumia”

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 20 de xuño de 2024

A Xunta reabriu hoxe a ponte de Ponte Arnelas tralas obras de reconstrución, cun investimento de 5,3 millóns de euros.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue,  xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, supervisou hoxe o remate desta obra.

Martínez Allegue destacou o resultado dos traballos realizados nesta ponte reconstruída que, tal e como subliñou, “sen dúbida contribuirá a mellorar o tráfico, con maior seguridade, entre estes dous concellos, de Vilanova de Arousa e Ribadumia”.

A conselleira puxo en valor o cumprimento do compromiso da Xunta traballando coa máxima dilixencia desde o primeiro momento, desde o día 18 de abril, que tivo que pecharse a ponte de Santa Marta, tras detectarse danos en varia péndolas causados pola corrosión, o que fixo que a calzada cedese parcialmente.

Así, segundo lembrou, desde o primeiro momento traballouse, primeiro, para evitar que a situación se agravase e, segundo, para acadar unha solución que permitise a restitución do tráfico canto antes.

Deste xeito, lembrou, como sempre en permanente contacto cos dous concellos implicados, e da man dos técnicos, leváronse a cabo uns primeiros traballos para garantir a estabilidade da estrutura, procedendo ao apuntalamento da ponte en ambas as marxes.

Martínez Allegue explicou como, unha vez realizadas estas primeiras intervencións urxentes e inspeccionada ao fondo a estrutura, pasouse á segunda fase.

Sobre esta segunda fase dos traballos,  a conselleira indicou como, ante a situación da ponte, decidiuse proceder á desmontaxe controlada e á construción dunha ponte nova. Para facer estes traballos, engadiu, desmontouse con coidado cada elemento, das barreiras de formigón ou do esqueleto metálico, traballos de desmontaxe que terminaron en outubro do pasado ano.

Sinalou que no mes de decembro iniciábanse as cimentacións da ponte nova, e como no proceso de construción da mesma respectouse o desaugue existente. Afondou como a estrutura “encaixouse entre as pilas que había e optouse por deseñar unha celosía inferior na que o propio cordón inferior serve de paso peonil, cun paseo de madeira”.

Deste xeito, tal e como subliñou Martínez Allegue, a ponte respecta a paisaxe existente e acomódase perfectamente á beira do río.

As tarefas remataron coa habilitación das ramplas de acceso da pasarela peonil, á que se dotou de varanda e pavimento.

Finalmente, a conselleira fixo fincapé na complexidade dos traballos, tamén moi condicionados pola situación meteorolóxica, pero, aínda así, uns traballos que se remataron con axilidade e que supuxeron un investimento por parte da Xunta de 5,3 M €.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2024