A Xunta realiza labores de conservación e mantemento nun tramo do río Umia ao seu paso por varios concellos

As tarefas, que se centran en arredor de 4,2 quilómetros da canle fluvial, inclúen a roza puntual de arbustos e a retirada de árbores e biomasa para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar onte actuacións de conservación e mantemento en preto de 4,2 quilómetros do río Umia ao seu paso polos concellos de Ribadumia, Cambados e Vilanova de Arousa.

As tarefas, que se desenvolverán nos lugares de Agro do Monte, Ponte Arnelas e Cabanelas, consisten na retirada de árbores e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos así como en labores de roza puntual de arbustos no acceso á canle.

As actuacións, que xa foron comunicadas aos tres concellos implicados, prolongaranse durante aproximadamente unha semana e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras, podadoras e rozadoiras co apoio de maquinaria como un tractor e un camión.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo de conca autonómico, este tramo do río Umia quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve este tipo de accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento dunha zona catalogada como de alto risco potencial significativo de inundación.

O obxectivo é avanzar e mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2024