A Xunta pon en valor o compromiso social de Equiocio no desenvolvemento dun taller sobre solucións tecnolóxicas adaptadas á vida diaria

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, saudou aos participantes desta actividade desenvolvida en Espacio Vivo e na que participaron integrantes de varias entidades do ámbito sociosanitario de Ferrolterra

Ferrol, 20 de xuño de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, puxo hoxe en valor o compromiso social de Equiocio durante a celebración dun taller sobre tecnoloxía creativa adaptada á vida diaria. A iniciativa está incluída no calendario de actividades previas do programa Equiocio Inclusivo que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade.

“Desde a Xunta de Galicia cremos firmemente no potencial da tecnoloxía para mellorar a calidade de vida das persoas”, destacou Aneiros, “unha tecnoloxía que cando se emprega de maneira adecuada, é unha ferramenta poderosa que pode abrir portas, eliminar barreiras e ofrecer novas oportunidades a todas as persoas, independentemente das súas capacidades ou circunstancias”.

A delegada territorial achegouse ás instalacións de Espacio Vivo, que colabora por primeira vez con Equiocio nesta programación de actividades, a saudar á preto dunha vintena de participantes que, divididos en dúas aulas, tomaron parte no taller denominado Solucións tecnolóxicas para a vida diaria.

Durante esta primeira sesión -haberá unha segunda-, os participantes, integrantes de entidades do ámbito sociosanitario como Afal, Alcer, Affinor, Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, Cogami, Patronato Concepción Arenal, Návitas e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, desenvolveron un prototipo modelado en 3D ou con Lego que posteriormente os responsables de Espacio Vivo imprimirán para que os alumnos lles realicen os axustes e probas finais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2024