A Xunta destina máis de 400.000 euros ás axudas a investimentos en materia de bioseguridade para o transporte de gando vivo

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar as bases reguladoras destas achegas, que poderán beneficiar a titulares e propietarios de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada

Tamén poderán solicitar estas subvencións aquelas persoas que se comprometan a construír un novo centro de limpeza e desinfección

O seu obxectivo é modernizar estes centros e que haxa o número suficiente para evitar a transmisión de enfermidades polo uso de vehículos sen limpeza axeitada

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir de hoxe

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde pola cal se establecen as bases reguladoras da convocatoria de 2024 para as axudas destinadas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora ou a construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo. As achegas contan cun orzamento de 423.129,09 euros financiados polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia dos Fondos Next Generation.

Poderán ser beneficiarias persoas que sexan titulares ou propietarias de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo. Tamén poderán solicitar as achegas as persoas que se comprometan a construír un novo centro de limpeza e desinfección. Serán subvencionables aquelas actuacións relacionadas coa modernización ou mellora dos equipamentos para acadar unha maior eficiencia nos sistemas de limpeza, a instalación de novas tecnoloxías para a limpeza e desinfección de vehículos para o transporte do gando e a construción de novos centros.

O seu obxectivo é modernizar estes centros e que haxa o número suficiente para evitar a transmisión de enfermidades polo uso de vehículos sen limpeza axeitada. Nesa liña, cabe apuntar que moitos destes vehículos son empregados para o transporte de diversos tipos de gandarías, pertencentes a múltiples explotacións. Coas achegas, poderíanse financiar solados, peches ou lectores de matrículas, entre outras actuacións. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir de hoxe.  

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240619/AnuncioG0426-100624-0003_gl.html

Data de actualización: 20/06/2024